A nosa produción musical segue tres liñas de actuación: a colección de gravacións históricas “A Tiracolo” é un traballo de recuperación, restauración e dixitalización das grandes obras editadas da música galega con anterioridade a 1954 (Premio da Crítica de Galicia no ano 2008). O “Selo Ouvirmos” céntrase na edición discográfica de música académica contemporánea, mentres que o “Selo Vir” nace en 2006 co obxectivo de coproducir ás novas creacións e dar viabilidade aos proxectos discográficos daqueles grupos que queiran manter o control sobre os seus traballos.
A colección de fotobiografías sonoras aproxímanos, a través do son e da imaxe, á traxectoria e á personalidade de importantes figuras da nosa literatura. Presentáronse nun soporte innovador en formato libro + 2 CDs no que se recolle o álbum familiar que ilustra a vida de cada un dos autores, así como gravacións coa súa propia voz, recitais e cancións relacionadas coa súa obra.
Dentro da nosa produción editorial tamén temos produtos específicos para crianzas cos que queremos achegarnos ao seu mundo cunha proposta divertida e participativa, para que poidan aprender xogando soas ou en familia.
Este proxecto fai accesible o patrimonio artístico e musical de 9 localidades galegas para visitantes e locais. Deseñamos, conceptualizamos e documentamos un percorrido por cada vila ou cidade, resultando unha colección de libro-CDs na que se propón unha viaxe sonora polas vilas, un paseo polos feitos musicais das cidades e unha proposta de itinerario para a descuberta do patrimonio.
Editamos libros innovadores e diferenciados, que afonden no coñecemento do patrimonio musical e cultural desde diferentes ámbitos e con diversos formatos. Mais tamén editamos biografías ou fotobiografías destinadas a rescatar a vida e obra dos grandes nomes da nosa historia. Unha revisión do pasado para inspirarnos nas persoas que, coas súas ideas, esforzo e creatividade, achegaron luz e progreso á sociedade.