Encontros de Cociña Solar
Organizamos encontros de cociña solar nos anos 2013 e 2014 para a Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo. Os encontros contaron coa destacada presenza do profesor Celestino Rodrigues Ruivo, unha das máximas autoridades da cociña solar en Portugal. E incluíron exposicións públicas de fornos solares en funcionamento, obradoiros de construción de cociñas solares caseiras, charlas sobre os distintos tipos de fornos solares e as súas características e até un picnic con degustación de tapas solares.
As cociñas solares son aparellos que permiten cociñar alimentos utilizando o calor do sol como fonte de enerxía. Polo tanto, son económicas, non contaminan e fomentan o uso de enerxías renovables. Estas e outras características converten as cociñas solares nunha interesante alternativa aos equipos de cociña e tipos de enerxía utilizados tradicionalmente, especialmente en países en vías de desenvolvemento, onde numerosos organismos traballan xa na divulgación deste tipo de cocción dos alimentos.
Os países máis industrializados, que están a afrontar problemas ambientais derivados do consumo exponencial de enerxía, poden e deben apostar pola cociña solar. É importante pois romper o escepticismo asociado a este tipo de tecnoloxía a través da demostración efectiva do seu potencial de utilización en varios contextos: na casa de cada família, nos restaurantes e nas cantinas de escolas, fábricas, comunidades, etc.