90 aniversario da Coral De Ruada
Deseñamos e producimos os actos de celebración do “90 Aniversario da Coral De Ruada” en 2009, entre os que se inclúen a edición masiva das primeiras gravacións de1929, a publicación do libro que narra a exitosa xira da Coral por Andalucía no1927, a exposición sobre a súa longa e intensa historia, visitas musicais guiadas por Ourense e un encontro internacional de coros.
A Coral De Ruada é símbolo de identidade e parte da memoria colectiva de todos os ourensáns. Desde a súa presentación oficial nas Festas do Corpus aquel 24 de xuño de 1919 até a actualidade, o Coro soubo conquistar un espazo fundamental tanto na historia cultural de Ourense como na nómina privilexiada dos grandes coros galegos.
A Coral escribiu a súa historia con maiúsculas por riba dos intensos avatares políticos e hoxe é historia esencial da provincia, porque nela participaron moitos dos insignes persoeiros que Ourense achegou á cultura como Faustino Santalices ou Manuel de Dios; pero tamén é historia esencial da cidade por esa habilidade que tivo para ser tan nitidamente ourensana a través do tempo.
Por todo isto, festexouse e exaltouse o valioso traballo realizado polos membros da agrupación ao longo dos seus 90 anos de historia. E, por suposto, reivindicáronse aquelas figuras que desde Ourense e desde a Coral contribuíron a dignificar a nosa cultura: Prieto Nespereira, Faustino Santalices, Manuel de Dios… xunto a todas as familias ourensanas que ao longo do tempo formaron parte da Coral.
Con estes obxectivos, desenvolvéronse os seguintes actos de celebración do 90 aniversario da Coral de Ruada:
Edición do libro Primeira viaxe a Andalucía do Coro De Ruada de Xaquín Vales. A obra narra a primeira e exitosa xira que a agrupación realizou por terras andaluzas no ano 1927.
A exposición do 90 aniversario da “Coral de Ruada”, que foi un dos actos centrais da conmemoración da súa fundación, podéndose visitar durante o mes de setembro no Centro de Exposicións do Edificio Simeón.
Coincidindo coa exposición realizáronse na última semana do mes de setembro visitas didácticas Ourense Musical . Descubrir en vivo a historia musical da Coral e mais da cidade foi o obxectivo destas visitas baseadas no proxecto de Ouvirmos: Itinerarios Histórico Musicais. Ourense.
Reedición dunha selección das primeiras gravacións realizadas no ano 1929 e distribución masiva de 14.000 exemplares. Cúmprense 80 anos daquel histórico rexistro de 21 temas da Coral para a casa Regal.
Dentro das Festas do Corpus 2009, no mes de xuño, celebrouse o III Certame Internacional de Coros “De Ruada”. Participaron os orfeóns galegos Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Real Coro Toxos e Froles e a Coral De Ruada, que contaron coa participación especial de Cristina Pato. Ademais participaron os coros portugueses de Águeda e Vila Real, así como a Coral La Enseñanza de Valladolid.