Máis música 2009 e 2010

Creamos e conceptualizamos esta marca para a Concellería de Cultura do Concello de Ourense. +msc, é un espazo onde visualizar a nova escena musical emerxente da cidade. Obradoiros, xornadas formativas e concertos polos barrios da cidade axudan a tal fin.

‘Máis Música (+msc)’ nace cos obxectivos de dar a coñecer as diferentes iniciativas musicais emerxentes da cidade nun proxecto común; comunicar e pór en valor a capacidade musical de Ourense e consolidarse coma un evento anual.

‘Máis Música (+msc) busca acadar unha correcta canalizacion de todas as experiencias dos músicos amateurs e profesionais da escena ourensá. A idea é mobilizar a presenza dos colectivos musicais emerxentes, e as persoas e institucións da cidade que poidan ter algo que ver coa música.

Trátase de acceder en grupo a espazos de comunicación que de forma individual lles estarían vetados á maioría dos músicos, tanto de cara ao público local e ao público en xeral, como de cara aos profesionais do sector. E ademais, crear un punto de encontro onde poidan pórse en común gran cantidade de iniciativas e efectuar un intercambio efectivo de ideas e proxectos como paso imprescindíbel para a difusión comercial da música ourensá.