20 receitas Deleite

No ano 2017, deseñamos e editamos por encargo da marca Deleite un libro de cociña con 20 receitas co leite como un dos ingredientes principais. Un proxecto que forma parte da liña de compromiso e apoio á cultura galega que a marca vén desenvolvendo desde a súa orixe.

As elaboracións son fáciles, creativas e divertidas con dez das vinte receitas dirixidas especificamente ao público infantil. Entre elas, unha mousse Deleite ao mango, un engano de sushi ou un leite merengado. Contamos para a súa realización coa colaboración da Escola de Hostelería e Turismo Belarmino Fernández Iglesias e os profesores Santiago Martínez Fernández, David Cidre Guitián, Diego López Dapena e Noa Seijo Orjales foron os encargados de cociñar as receitas.

As fotografías foron realizadas por Tono Arias e a promoción do libro inclúe ademais a realización de diferentes obradoiros infantís durante o período maio-outubro de 2017.

A marca Deleite pertence a Leite Noso, unha sociedade de gandeiros que asumiron a responsabilidade de comercializar o leite sen intermediación da industria alimentaria. As bases sobre as que se constrúe día a día esta marca son: a calidade do leite, prezos xustos para os produtores, estabilidade contractual e o compromiso coa cultura de Galicia.