O disco ‘Os gaiteiros de Soutelo’ recupera o son de Cachafeiro

Publicado en: Galicia-Hoxe.com – 14/12/2005
MARÉ | SANTIAGO

Presentación Ouvirmos

Luis Costa e Ramón Pinheiro onte durante a presentación no Consello da Cultura Galega do cd-libro ‘Os gaiteiros de Soutelo’
FOTO: Viky García

“Toca, gaiteiriño, toca/meniñas correi a velo/ que é moita gaita a gaitiña/ do gaiteiro de Soutelo”. Ao recoller esta cantiga popular, Castelao deixou testemuño da sona que a principios do século XX (1919-1936) acadou o principal expoñente do tradicional cuarteto de gaitas galego, ao que aínda hoxe se lle rende puntual homenaxe anual na Terra de Montes.

Agora, e co ánimo de conservar e estender ese legado, a discográfica Ouvirnos pon na rúa un cd-libro que compila os rexistros sonoros da formación liderada polo mítico Avelino Cachafeiro e que, baixo o lema de ‘Os Gaiteiros de Soutelo’ se presentou onte no Consello da Cultura Galega.

O Arquivo Sonoro desta institución patrocina o disco que reúne as gravacións da formación realizadas en Ourense en 1928, entre as que se atopa o primeiro rexistro da popular Muiñeira de Chantada. Durante a presentación do disco, o director artístico de Ouvirmos, Ramón Pinheiro, destacou que Os Gaiteiros de Soutelo constitúe “un dos referentes fundamentais da música tradicional galega, un mito na nosa cultura” no que sobresaen as súas innovacións estéticas, instrumentais e de repertorio, cun vínculo especial co galeguismo da época. Por iso salienta Luís Costa, membro da Comisión Técnica de Música Tradicional do Arquivo Sonoro de Galicia, o valor desta iniciativa, “que vén a enriquecer –di–, a nosa memoria histórica e recuperar uns documentos de gran valor para a música galega”.

Avelino Cachafeiro Bugallo (gaita), chamado Gaiteiro de Soutelo, os seus irmáns Bautista (tambor e voz) e Víctor Castor (gaita) e Fermín Cachafeiro Balado (bombo) nacen en Soutelo de Montes nun ambiente musical familiar. A agrupación nace formalmente nunha data imprecisa de 1919 pois, segundo cita Avelino na súa autobiografía, despois de dous anos traballando de ferreiro en Asturias, regresa a Soutelo e funda Os Gaiteiros de Soutelo de Montes Hnos. Cachafeiro.

En pouco tempo, apoiados na calidade e amenidade das súas actuacións, ocupan un lugar importante e a súa presenza fíxose constante en innumerables festas populares de toda Galicia. Na véspera do día do Apóstolo de 1924 celébrase un concurso en Santiago. Castor gaña o terceiro premio e Avelino o primeiro, acadando engaiolar os presentes, entre os que están Castelao, Risco e Otero Pedrayo. Todos sinalan a Avelino como mellor gaiteiro de Galicia.

O premio dálles un prestixio aínda maior e elévalles moito o caché, e así no 28 gravan en Ourense as doce pezas, posiblemente para recadar cartos para poder ir a América, que agora se reeditan.
Na gravación coinciden coa Banda Batallón Mérida de Ourense, coa coral De Ruada e cos gaiteiros desta, Faustino Santalices e Modesto Sánchez. É o feito máis importante da súa carreira, o que lles dá a maior proxección nacional e internacional e os vincula definitivamente ao movemento cultural galego.

Cincuenta obras para unha historia
Moitas casas aínda conservan algún volume da primeira ou das posteriores edicións do disco de Os Gaiteiros de Soutelo, que rexistraron todas elas un enorme éxito de vendas. A que agora publica Ouvirmos enmárcase na colección de gravacións históricas A Tiracolo, serie formada pola restauración sonora de grandes obras da música galega en formato libro-cd.

O disco dos Gaiteiros de Soutelo vén a completar unha colección na que están presentes Aires da Terra, Os Dezas de Moneixas, a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, Manuel Dopazo, Coro Toxos e Frores, Manuel Quiroga e Marta Leman e Los Monfortinos. Segundo adiantou o director artístico de Ouvirmos, a colección podería chegar ata os 50 títulos para completar o labor de inventariar os rexistros fonográficos históricos da música galega. O disco conta co patrocinio, ademais do CCG, do Igaem, o Concello de Forcarei e a Deputación de Pontevedra.