García Mc: Abaixo e De Pé



Abaixo e De Pé é o título deste traballo de García Mc compoñente do Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew. Neste EP García mostra amor e rabia nunha mirada rebelde e zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra.

É un traballo de artesanía feito localmente e que respira globalmente. Todas as letras son propias, agás o poema “Amor e sangue en Chiapas” de Lois Pereiro; o libriño interior contén ademais as respectivas traducións das letras a lingua castelá e inglesa por Daniel Salgado, Patricia Janeiro ou Jonathan Dunne. Está gravado e mesturado en Rapapoulo Estudio por Javier Mourón “Mou” tamén de DKTC que leva o peso ademais de case a totalidade da produción musical xunto co produtor Fredi Regos “Croma”; a masterización é do mítico Arturo Vaquero. No extenso apartado gráfico-artístico teñen a súa pegada dous recoñecidos artistas, o mexicano Gran Om e Xúlio Zé de Arinspunk. Colaboran ademais neste disco curto o mestre do trombón Antonio Rodríguez, o beat boxer Gende Beat, Emiliano Siem e Pepa Yáñez e a máis que destacada colaboración de Lengualerta o famoso artista mexicano, amigo persoal de García que coñece nas súas travesías musicais por México.

“Rúa arriba e rúa abaixo faise o camiño” di, co oficio da palabra consciente expresándose ao redor da alegría e o amor, do sangue e de Chiapas e con toda a xente anónima que fai a digna historia dos pobos, a que non sempre está escrita e todo isto cun posicionamento claro: Abaixo, e de pé.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies