A música dos Carricoba



Este libro-CD, obra de Federico Vázquez, recupera a traxectoria persoal e profesional de tres lucenses que viviron volcados por e para a música ao longo do século XX. O pai Emilio Carricoba e os seus fillos Virgilio e Aníbal Carricoba Gay. Tres autores nacidos en Ferreira de Pallares, parroquia do concello de Guntín, cuxa exhaustiva biografía convértese ademais a través das páxinas desta obra nunha representación cronolóxica do que podería ser a vida dun músico de banda na Galicia do século XX. Así, nunha pequena pincelada, diremos que Emilio, que empezou a tocar sobre o ano 1910, ía camiñando ás festas, de madrugada, e voltaba de noite polas corredoiras. Virgilio, o seu fillo máis vello, apenas viviu iso, e a súa profesión coma músico de banda compaxinábaa tocando en “orquestinas”, preámbulo da chegada das orquestras de baile, popularizadas nos anos 60 e 70. E Aníbal, en Madrid desde 1945, foi o primeiro da familia en estudar nun conservatorio, tocar en orquestras sinfónicas e vivir dun xeito desafogado e profesional da música.

 A obra vai acompañada dun CD que inclúe gravacións da música que compuxeron os Carricoba. En total, nove pezas interpretadas pola Banda de Música de Sarria.

1. Vuelo de Graja. Pd. de Aníbal Carricoba
2. Alborada Galega. Alborada de Aníbal Carricoba
3. Romería en Galicia. Pd. de Aníbal Carricoba
4. Ferreira de Pallares. Estampa Galega de Virgilio Carricoba
5. O Carpaceiro. Pd. de Aníbal e Virgilio Carricoba
6. A Carón d’o Miño. Suite de Aníbal Carricoba
7. Luis Campos. Pd-marcha de Emilio Carricoba
8. As Marzas. Pd. de Emilio Carricoba
9. A Saudade (Canción) de Aníbal Carricoba con letra de Antonio Noriega Varela

Ademais da necesaria homenaxe a estes tres músicos que deixaron a súa pegada na historia cultural de Lugo e de Galicia, “A música dos Carricoba” eríxese nun merecido recoñecemento a todos os músicos de banda de Galicia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies