A mostra Asinamos ser libres, impulsada pola Xunta de Galicia como homenaxe a Xela Arias no marco das Letras Galegas 2021, pecha o seu percorrido en Celanova logo da súa itinerancia por unha ducia de bibliotecas e centros culturais das catro provincias.
Comisariada pola profesora e biógrafa María Xesús Nogueira, a instalación componse de dez paneis nos que se combinan texto explicativo e fragmentos de obras e de intervencións da autora con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo de Edicións Xerais de Galicia. Como resultado, ofrécese un amplo percorrido pola vida e as diferentes vertentes profesionais e culturais que abrangueu a escritora.
Percorrido vital e profesional
Asinamos ser libres inclúe referencias á infancia de Xela Arias, situando como os seus espazos vitais Sarria e Lugo, onde naceu e pasou parte da súa infancia, e Vigo, onde chegaría con sete anos para ficar. Tamén reflicte como o contexto de efervescencia política e cultural da década dos 80 marcou a súa adolescencia e paso á vida adulta.
Canto á súa actividade poética, afóndase nos seus inicios, nos soportes nos que publicou e nas influencias do contexto literario e sociopolítico do momento. A mostra recolle ademais a súa faceta no eido da tradución, no que foi pioneira, e a conxugación do seu texto coa imaxe a partir da súa relación co fotógrafo Xulio Gil e que deu como froito o traballo Tigres coma cabalos.
Outro dos episodios destacados neste achegamento á figura de Xela Arias é o da maternidade, cuxa relevancia quedou patente no seu libro Darío a diario, e a publicación do seu derradeiro poemario Intempériome, que tamén conxugou con outras linguaxes, neste caso a musical.
Asinamos ser libres arrincou o pasado maio na biblioteca Ánxel Casal, en Santiago, e percorreu os centros bibliotecarios da Xunta en Pontevedra e en Lugo, así coma outros espazos de Vigo, Ourense, Sarria, Outes, Amoeiro, A Coruña e Boiro.