Hoxe inaugurouse na Biblioteca Nós de Ourense a mostra en homenaxe a Xela Arias “Tigres coma Cabalos”, unha exposición itinerante promovida pola Xunta no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021 e que permanecerá no espazo ourensán ata o 15 de xaneiro, tras o seu paso polo Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, referiuse na súa intervención á relevancia da mostra, ao afondar no “carácter transgresor, valente, vangardista e anovador da obra dunha poeta que lle axudou á cultura galega a renacer cara á modernidade”. Segundo sinalou, con esta iniciativa recupérase 31 anos despois “unha das obras máis emblemática e vangardista de Xela Arias, realizada en colaboración co fotógrafo Xulio Gil”. Fixo fincapé ademais no “carácter pioneiro do proxecto creativo desenvolvido por ambos os dous artistas” a partir dos seus respectivos traballos poéticos e fotográficos.
A partir de 24 obras individuais iniciais, cada artista traballou sobre as pezas do outro ata acadar dúas ducias máis de creacións. Así, a exposición componse de 48 paneis que recollen este resultado combinatorio de textos e imaxes. Os propios autores salientaron xa desde o primeiro momento a independencia dos traballos na súa orixe e o proceso de intercambio creativo posterior, incidindo en que non se trata nin de pés de foto nin de ilustracións ao texto.
Un percorrido guiado polo autor da mostra, Xulio Gil, completou o acto inaugural de hoxe, ao que tamén asistiron o delegado da Xunta en Ourense, o asesor en materia educativa no concello de Ourense, Aníbal Pereira; o fillo da escritora, Darío Gil, e Xosé Manuel Aldea, coordinador xeral de Ouvirmos.