Xela Arias. Letras Galegas 2021

En 2021, ano no que a Real Academia Galega homenaxeou a Xela Arias no Día das Letras Galegas, centramos o noso traballo no deseño, produción e coordinación de varias exposicións sobre a poeta e tradutora sarriá.

A POESÍA DO RETRATO

Recompila unha colección de textos poéticos da autora xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90. A colección de imaxes que forman parte desta exposición comisariada por Xosé Enrique Acuña permítennos mergullarnos no universo máis íntimo da autora homenaxeada en 2021 nas Letras Galegas. Unha serie de fotografías que retratan a poeta Xela posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela nos observa de fronte e con honestidade.

Coa fin de adaptarnos aos distintos espazos e necesidades dos nosos clientes, creamos tres formatos diferentes para esta exposición:

  • Para o Concello de Santiago (exposición interior, con macromarcos de madeira)
  • Para a Vicepresidencia da Deputación de Lugo (exposición exterior formada por 10 macromarcos de aceiro sobre base de formigón. Con 6 itinerancias por toda a provincia de Lugo.
  • Para a Universidade de Vigo (exposición exterior formada por 6 estruturas metálicas que percorreu os tres campus da universidade)

ASINAMOS SER LIBRES

Exposición divulgativa da vida e obra de Xela Arias e que toma o seu nome precisamente dunha autopoética da autora publicada no Faro de Vigo en 1984. A exposición está composta por 12 paneis de 1.20 x 1.80 m soportados en estruturas de madeira. Texto central e documentación a cargo de Chus Nogueira e fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo Edicións Xerais de Galicia.

A exposición, producida especialmente para a Rede de Biblitoecas Públicas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia,  percorreu 11 concellos ao longo de 2021.

TIGRES COMA CABALOS

Tigres coma cabalos foi un proxecto artístico conxunto de carácter literario e fotográfico, concibido en 1990 entre a poeta Xela Arias e o fotógrafo Xulio Gil.  No seu momento constituíu unha exposición de grande repercusión e un libro que tamén impactou con forza. Desta volta volve recuperarse o proxecto expositivo, acompañado dun libro-catálogo, que recolle todas as fotografías e poemas nacidos no seu día en interacción mutua.

En Ouvirmos encargámonos da coordinación, montaxes e itinerancias desta exposición, que estivo no Museo do Mar de Galicia (Vigo) e no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies