
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés acolleu onte xoves a inauguración da exposición “A voz presente” nun acto no que participou Margarita Carvalho, filla de Carvalho Calero, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e os presidentes da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e da Associaçom Galega da Lingua, Eduardo Sanches Maragoto. Na visita estiveron presentes tamén os directores xerais de Políticas Culturais e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e M.ª Carmen Martínez Ínsua, respectivamente, ademais da directora da biblioteca, Marisol González. Esta mostra itinerante estará ata o día 1 de outubro na Coruña e despois viaxará á Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
“A voz presente” é o lema da exposición sobre Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras do ano 2020, producida por Ouvirmos para a Associaçom Galega da Lingua (Agal) e a Xunta de Galicia, e comisariada por Carlos Quiroga e José Luis Rodríguez.
A exposición divídese en 12 paneis que permiten ao visitante facer un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Carvalho acompañado pola propia voz do autor ferrolán, o leit motiv que dá sentido a esta mostra na que a súa palabra ten todo o protagonismo. A través da súa propia voz, dos seus escritos e das entrevistas concedidas, a presenza do autor materialízase en cada un dos paneis que conforman a exposición.
Podedes ver aquí os paneis que a compoñen en formato dixital.