Vídeo Titoriais Cociñeiras ilustradas

Desde Ouvirmos deseñamos e producimos Cociñeiras ilustradas, un proxecto que a Xunta de Galicia puxo en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura. Cociñeiras ilustradas. Divertidas receitas animadas para preparar e papar coa cativada é un curso de cociña en liña para que as familias preparen coa cativada divertidas e sinxelas receitas, explicadas en vídeos de animación cos debuxos de cinco recoñecidas ilustradoras galegas: Ana Varela, Ángeles Díaz –alias ‘Axóuxeres e chisqueiros’–, Nuría Díaz, Laura Tova e Dani Padrón.

Os vídeos emitíronse en liña pola páxina web da Cidade da Cultura e polas súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) todos os sábados, do 13 de xuño ao 11 de xullo de 2020. Un total de dez propostas culinarias inspiradas na nosa colección de Cociña Infantil e Familiar e autoría dos prestixiosos cociñeiros Xenxo Piñeiro, Santiago Martínez, David Cibre e Miguel A. Caruncho da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández, en Sober (Lugo).

Esta actividade buscou espertar o interese da cativada pola cociña e contribuír a incorporar na súa educación o valor das materias primas non procesadas e dunha alimentación sá e equilibrada. Formou parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nunha época de limitacións de actividades presenciais por cuestións de seguridade e sanitarias pola covid-19.

Vídeoreceitas:

Cornete de pavo e verduras e unhas Galletas de leite condensado. Ilustradora: Ana Varela

Crema de arroz con cabaza e luras e Cordon bleu de pescada. Ilustradora: Ángeles Díaz

Niño de paspallás e Crema de chocolate branco e iogourt. Ilustrador: Dani Padrón

Sandwich mixto con corazón fantasía de amanita muscaria e luriñas de salchiña con pasta. Ilustradora: Nuria Díaz

Roliños de arroz e bolos preñados de xamón cocido e queixo. Ilustradora: Laura Tova

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies