Carvalho Calero Letras 2020, pequeno formato

 

A voz presente é o lema da exposición sobre Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras do ano 2020, producida por Ouvirmos para a Associaçom Galega da Lingua (Agal) e a Xunta de Galicia, e comisariada por Carlos Quiroga e José Luis Rodríguez.

A exposición divídese en 12 paneis que permiten ao visitante facer un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Carvalho acompañado pola propia voz do autor ferrolán, o leit motiv que dá sentido a esta mostra na que a súa palabra ten todo o protagonismo. A través da súa propia voz, dos seus escritos e das entrevistas concedidas, a presenza do autor materialízase en cada un dos paneis que conforman a exposición.

Liña do tempo

O panel que abre a mostra co retrato de Carvalho asinado polo fotógrafo Moncho Rama dá paso á súa cronobiografía presentada ao longo de cinco paneis. Unha liña do tempo que presenta un percorrido polas distintas etapas vitais de Carvalho. Desde o seu nacemento en 1910 ata o seu falecemento en 1990 a mostra lévanos a través das cidades de Ferrol, Santiago, Madrid e Lugo para descubrir os aspectos máis relevantes da súa vida persoal, traxectoria política e obra literaria xunto a imaxes do seu álbum persoal e á súa voz presente a través das citas extraídas de libros e entrevistas.

O resto de paneis recollen os seus lugares vitais, a súa obra así como a súa imprescindible dimensión como filólogo divulgador, reintegracionaista e intelectual honesto. A mostra recolle as súas reflexións sobre a lingua e sobre a literatura con frases como “A história do idioma galego é a história mesma da Galiza”.

No panel final pódese escoitar a voz e ver ao propio Carvalho nunha pantalla que mostra un extracto de dous audiovisuais sobre Carvalho Calero: do programa “A duas bandas” (TVG) emitido a 12 de maio de 1987 e do audiovisual “Carvallo Calero, a posibilidade de rectificar a historia” coproducido no 1991 por A Nosa Terra e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. A exposición itinerará neste ano por 10 puntos da xeografía galega e por un de Portugal.

Podedes ver aquí os paneis que a compoñen en formato dixital.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies