Movemos os marcos e resituámonos no mundo das empresas culturais en Galicia. Desde hai tempo vimos xestionando grandes infraestruturas culturais e desenvolvendo proxectos e programacións de certa relevancia: a Feira Culturgal, o Teatro Colón da Coruña, a coordinación de actividades na Cidade da Cultura, o deseño e dirección de Audacia, Festival de Artes e Emprendemento, o programa Vive o Camiño 2019 para o Xacobeo…
Pois ben, Ouvirmos anuncia publicamente que cambia a edición como liña estratéxica de traballo. Atesouraremos e utilizaremos a nosa experiencia como editores musicais e literarios durante 15 anos para asumir novos retos e centrarnos na xestión de grandes infraestruturas e de proxectos culturais relevantes.
Desde o nacemento como discográfica no ano 2003, en Ouvirmos traballamos continuamente pola recuperación e posta en valor do patrimonio histórico sonoro. Coleccións como A Tiracolo permitiron a restauración e dixitalización das grandes obras editadas da música galega antes de 1954, entre elas, a primeira gravación do Himno Galego. Xa como editora de libros, Ouvirmos deixa tras de si títulos como a monumental Historia da Música en Galicia, os Itinerarios Histórico-Musicais e as Fotobiografías Sonoras. Esta dilatada experiencia mais unha acrecentada bagaxe no terreo cultural, contribúen a afrontar os novos retos do sector e aplicar este amplo coñecemento nas novas iniciativas.
Esta é a liña de traballo que nos vai guiar como empresa. Seguiremos esforzándonos para dar o mellor de nós e continuar poñendo en valor o tecido cultural galego, para idear modelos e proxectos innovadores en materia cultural e turística, e para optimizar o uso dos recursos e das infraestruturas culturais.
Comunicado Oficial en PDF