O xoves 8 de novembro, ás 20.30, será presentado na Librería Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74, 15703 Santiago de Compostela), o último poemario de Claudio Rodríguez Fer, A muller sinfonía (Cancioneiro vital), editado por Ouvirmos. A presentación correrá a cargo da poeta Olga Novo, do editor Xosé Aldea e do propio autor.
A muller sinfonía é un cancioneiro vital cheo de amores, clamores e viaxes nos que o erotismo, a memoria civil e a diversidade se presentan sempre con música de fondo. Dende a tradición galega aos máis variados cantos do mundo, os poemas deste libro conectan coas cancións que puxeron son á vida e á obra do autor e, en xeral, a toda a contemporaneidade.
Ensaísta sobre Brassens e aquí tradutor de Vysotski, Ferré e Cohen, o poeta escribe tamén en sintonía con cantautores como Theodorakis, Yupanqui, Vinícius, Stivell ou Dylan, así como coas voces vitais de Makeba, Mercouri, Parra, Kalsoum, Simone, Baez, Joplin, Smith, Hagen… Trátase de poesía experimental e experimentada en vivo e marcada con paixón interartística pola música celta, polo blues e polo jazz, máis sen esquecer a internacional sensibilidade sentimental e sensorial propiciada polo folk, polo rock ou polas músicas latinas.
Claudio Rodríguez Fer xa editara en Ouvirmos o libro Cinepoemas, con deseño gráfico de Cristina Fiaño, onde recreou poeticamente a súa apaixonada relación coa sétima arte.