“Eugenia Osterberger ten moita importancia para a historia da música galega”

Ouvirmos vén de publicar unha nova alfaia para o noso patrimonio musical: un libro-CD que pretende rescatar a figura e a música de Eugenia Osterberger, unha compositora galega da Belle Époque. Falamos coa súa descubridora, a investigadora Rosario Martínez

“Eugenia Osterberger ten moita importancia para a historia da música galega”

– Coma sempre Ouvirmos descúbrenos temas interesantes que non coñeciamos, ou polo menos, eu non. Quen era Eugenia Osterberger (Santiago 1852- Niza 1932)?
– Eugenia Osterberger era unha rapaza que naceu en Santiago no ano 1852, polo tanto é contemporánea de Emilia Pardo Bazán. Pasou desapercibida eu penso que polo apelido, porque os estudosos da música galega non pensaron que fora galega, senón que era unha estranxeira que vivira algunha vez en Galiza. Tiñan unha referencia lonxana, pero non tiñan realmente datos. E buscando datos dela, con ocasión de que na súa casa se celebrou unha festa na honra de Sofía Casanova, porque a nomearan membro de honra da Liga Galega, descubrimos a existencia de Eugenia Osterberger, logo puxémonos a investigar, démonos conta de que era unha compositora galega, filla de coruñesa que naceu en Santiago. E, claro, ten ese apelido porque o pai era de Alsacia.

– Como foi a súa vida? Porque ela morreu en Niza. 
– Ela naceu en Santiago e como os pais tiñan un concepto moi elevado da cultura déronlle unha boa educación. Destacou en seguida como unha nena que tiña facultades para a música e cando tiña 9 anos mercáronlle un piano. Entón a partir de aí non só empezaron a darlle cultura xeral, senón que a levaron a Francia para ampliar estudos. Nós pensamos que con vistas a que se puidese gañar a vida como institutriz ou como profesora de piano e de francés. E despois de vir de estudar de alá, os xornais de Santiago anuncian que ela abre na súa casa unha academia para estudar francés. Pero sabemos que ela segue estudando música e que dá clases de música. Cando estaba exercendo como profesora de francés e de piano casou cun viúvo que era o director da fábrica do gas de Santiago. E, como a el o destinaron á Coruña, viviron alí bastanes anos. Por iso compuxo na Coruña e logo, a partir de 1900 marcharon a Niza, onde morreu.

Ler o artigo completo, aquí.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies