Culturgal é a Feira Galega das Industrias Culturais. Celébrase puntualmente cada mes de decembro en Pontevedra e constitúe unha cita de referencia e principal punto de encontro entre o público e axentes culturais en Galicia. Encargámonos da Coordinación xeral e mais da Secretaría técnica da Feira das Industrias Culturais, un proxecto realizado para a Asociación Cultural Culturgal constituída pola Asociación Galega de Editoras(AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). As organizacións gremiais máis representativas do sector cultural forman parte desta asociación que ademais mantén estreitos vínculos con outras organizacións sectoriais e profesionais que se involucran de maneira moi activa nesta gran Feira. Desde Ouvirmos contribuímos a conceptualizar as últimas seis edicións da Feira. Culturgal 2013 co lema da ‘corresponsabilidade’, no 2014 co lema ‘Constrúe Culturgal’, na edición do 2015 co lema ‘Presume de Culturgal’ e no ano 2016 co lema “Cultura, ‘Comunidade, Futuro’. Culturgal é hoxe un macroevento plenamente consolidado que reúne durante tres días a todo o sector da industria cultura galega. Un grande escaparate onde os profesionais presentan as súas ideas, proxectos e novidades a preto de 15.000 visitantes cada ano. E onde os medios de comunicación de dentro e fóra de Galicia fanse eco da Feira amplamente con presenza de radios e televisións emitindo en directo desde o propio recinto. No ano 2013, Ouvirmos asumiu o reto de organizar o Culturgal. O principal obstáculo ao que tivemos que facer fronte foi á redución orzamentaria. A pesar diso, a Feira recibiu máis de 14.000 visitantes e foi unha das edicións máis exitosas até aquel momento. Culturgal 2014 supuxo a consolidación dun equipo de traballo testeado na edición 2013. Deuse un paso adiante na filosofía da corresponsabilidade coa implantación dunha entrada de pagamento e apelouse ao público como parte imprescindible na viabilidade, non soamente da Feira, senón do sector cultural. Un ano máis, Culturgal presentouse como un proxecto vivo, sempre en movemento, que volveu superar a cifra de 14.000 visitantes. E chegou Culturgal 2015 para afianzar definitivamente as bases sobre as que se apoiou o proxecto nas anteriores edicións. Un ano máis, a afluencia masiva de público avalou este evento que contou con 81 entidades expositoras e máis de 120 actividades programadas na grella oficial da Feira. Culturgal 2016 abriu as súas portas baixo o lema de “Cultura, Comunidade, Futuro” e demostrou ser un ano máis, un proxecto que goza de plena saúde. Preto de 15.000 persoas achegáronse até a Feira, onde se deron cita un total de 99 stands e máis de 120 espectáculos programados. A Culturgal do 2017 estivo marcada por ser a edición do décimo aniversario. Estreamos nova imaxe gráfica, deseño de Pepe Barro. Visitounos Portugal como cultura convidada e incorporamos un novo espazo dedicado en exclusiva a Arte Contemporánea. Un ano máis Culturgal demostrou a súa fortaleza abrindo a feira con todo o espazo expositivo vendido e recibindo o premio do público a través da súa fidelidade e participación. E chegou Culturgal 2018 co lema de “Ti levas o compás”, onde se lle deu o maior protagonismo ao público, a auténtica razón do éxito deste proxecto ao longo do tempo. “Dálle unha volta á Feira” foi o lema da última edición no 2019. Máis información: Web Culturgal