Picnic solar en Lugo

Este sábado imos de picnic solar en Lugo. O Centro de Interpretación Terras do Miño, no Paseo do Río Rato, acolle o II Encontro de Cociña Solar desde as 10.00 h até as 19.00 h. As prazas para os obradoiros xa están esgotadas desde hai varios días, pero haberá exposición pública e permanente de fornos solares en funcionamento durante todo o día para todas as persoas que queiran achegarse e coñecer de preto este tipo de cocción. Celebrarase ademais unha conferencia aberta a todo o público sobre os diferentes tipos de cociña solar a cargo de Juan Bello ás 17.00 h. Bello recibiu o Premio á Innovación Educativa en Enerxías Renovables en Galicia en 2004. Destaca coma promotor e coordinador de actividades de Bioconstrución e Enerxías Renovables no ámbito docente e coma profesor de actividades de Formación do Profesorado, Universidades, Colexios e Asociacións Profesionais sobre Bioconstrución e Didáctica da Enerxía Solar.

Acompañaranos tamén durante toda a xornada o profesor Celestino Rodrigues Ruivo, unha das máximas autoridades da cociña solar en Portugal.

A continuación, o programa completo da xornada:

Actividades

10.00 h. Recepción de participantes e montaxe das cociñas solares.

11.00 h. Preparación colectiva da comida solar.

11.30 h. Obradoiro. Demostración de construción dunha cociña solar de baixo custo con elevada eficacia.

14.00 h. Comida solar (para os participantes no Obradoiro).

16.00 h. Obradoiro: Demostración de construción dunha cociña solar de baixo custo con elevada eficacia.

17.00 h. Conferencia: Tipos de cociña solar: de panel, de caixa e parabólica. Puntos fortes e fracos de cada tipo. (Acto aberto ao público)

Durante toda a xornada haberá exposición pública e permamente de fornos solares en funcionamento.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies