Convidámosvos a facer connosco unha viaxe a través das portadas de vinilos singulares do noso arquivo persoal. Iremos publicando paulatinamente algunhas das imaxes máis relevantes ou curiosas da nosa ampla discoteca de música galega. Primeira parada: o disco “Európolis’88” do grupo A Quenlla. Baixo a palabra Európolis que hoxe dá nome a tantos negocios urbanos, atopamos o segundo disco do grupo herdeiro de Fuxan Os Ventos. Un traballo temático que supón unha dura crítica á entrada de España na Unión Europea (daquela CEE) e á consecuente merma dos intereses galegos. Unha portada singular e unha mensaxe que vinte e seis anos despois, para moitos, segue vixente.