A Casa da Cultura de Redondela acolle a presentación da “Guía didáctica de instrumentos galegos” de Moisés Quintas Suárez mañá, mércores 25, ás 20.00 horas. Trátase dun dos actos programados dentro da IV Semana do libro, a festa das palabras, que organizan a Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística.
Esta Guía de instrumentos é unha excelente e práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio con todos os instrumentos. Inclúe ademais unha pista interactiva en formato web con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos.