Punto de información multimedia Celso Emilio Ferreiro

A vida e obra de Celso Emilio Ferreiro son protagonistas deste Punto multimedia que achegará a figura do poeta celanovés á cidadanía, itinerando durante todo o ano 2012 polas bibliotecas nodais e centros de ensino de Galicia.

A exposición preséntase ao público como unha biografía multimedia construída coa obra, as imaxes, os fetiches, os sons e a propia voz do autor. Unha mestura de contidos virtuais e obxectos persoais do escritor.

O Punto multimedia Celso Emilio Ferreiro consta dunha pantalla táctil de 46 pulgadas cun interactivo dinámico baseado no concepto de liña de tempo, que permite coñecer e navegar polo universo literario e persoal do poeta a través dos seguintes apartados:

– Celso Emilio Ferreiro. Principais fitos da biografía do autor a través de seis etapas vitais desde Celanova até Madrid, pasando por Caracas.

– A súa obra. Listaxe dos seus libros publicados organizados cronoloxicamente e por xéneros: poesía, narrativa, traducións, etc. así como unha selección de imaxes das súas edicións.

– Fotos inéditas. Unha recompilación de imaxes inéditas pertencentes ao seu álbum familiar.

– A fonoteca. Documentos únicos como a voz do poeta recitando os seus propios versos, o son da súa máquina de escribir ou a música de artistas que encontraron a inspiración nos seus versos, desde Fuxan os Ventos até Dios ke te Crew.

– Xogando… Quebracabezas interactivos con diferentes niveis de dificultade sobre máis de 30 fotos familiares do poeta: desde seis pezas até trescentas.

Xunto a esta pantalla multitáctil co interactivo, colocarase unha Mesa de luz na que se mostrarán obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro como as súas gafas, as súas cartas ou a súa máquina de escribir.

Completa a instalación un muro plano e portátil, no que aparece impresa unha foto xigante, retrato do poeta.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies