www.celsoemilioferreiro.org, novo espazo de difusión para a obra do poeta de Celanova

Hoxe presentouse en Santiago de Compostela a web www.celsoemilioferreiro.org, un proxecto enmarcado nas accións conmemorativas do Ano Celso Emilio Ferreiro que Ouvirmos realizou para a Fundación Celso Emilio Ferreiro e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

É unha web trilingüe, en galego, castelán e inglés, pensada para axudar a difundir a figura deste grande poeta dentro e fora de Galicia. Na páxina pódese atopar toda a información sobre as actividades programadas para conmemorar o centenario do seu nacemento, así como ampla información da traxectoria vital e literaria do autor.

www.celsoemilioferreiro.org fai un rigoroso e pormenorizado percorrido pola vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro, estruturado arredor das diferentes etapas vitais que pasou en Celanova, Asturias, Pontevedra, Vigo, Caracas e Madrid. Este percorrido achéganos ao escritor e ao home comprometido, entusiasta e loitador que era Celso Emilio.

Na web pódese coñecer tamén a súa creación literaria. No apartado bibliográfico está recollida a súa obra desde os primeiros poemas de Cartafol de Poesía até o póstumo O libro dos homenaxes, así como unha listaxe de bibliografía sobre Celso Emilio Ferreiro.

Outro novidoso apartado desta web é o Arquivo, onde se recollen fotografías e arquivos sonoros que nos aproximan máis á figura do poeta.

Entre as fotos do seu álbum familiar podemos ver imaxes dos seus primeiros anos en Celanova, do seu noivado con Moraima, dos seus anos en Pontevedra e Vigo, da súa amizade cos intelectuais da época, da emigración en Venezuela, e dos últimos anos en Madrid.

A Fonoteca recolle unha selección de interesantes arquivos sonoros nos que se pode escoitar a voz do propio autor recitando, o son da súa máquina de escribir, as versións musicais dos seus poemas ou o a Celso Emilio tocando o pandeiro na “Pandeira do Che” do disco Galicia Canta.

Por último, no apartado de discografía, pódese atopar unha listaxe co amplo conxunto de poemas de Celso Emilio que foron musicados por distintos artistas e grupos galegos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies