Xogo literario Cen poemas en Celanova

Os versos de Celso Emilio vertebran o eixe central deste proxecto deseñado para a conmemoración do Ano Celso Emilio Ferreiro.

Partimos da selección de cen estrofas de cen poemas diferentes, para exhibir nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova durante todo o ano 2012. Cada unha das cen estrofas foi impresa nun vinilo adhesivo que se colocou no escaparate do establecemento, para a súa lectura polos viandantes desde o exterior.

A meta é involucrar ao conxunto dos veciños, tamén a aqueles que non acoden normalmente aos circuítos culturais convencionais, para que tomen conciencia de quen era Celso Emilio, do valor da súa obra e que sintan o orgullo de vivir na súa vila natal.

Xogo literario
Os cen poemas colocados nas rúas de Celanova son a base tamén dun Xogo Literario dirixido aos grupos de escolares que habitualmente visitan a Casa dos Poetas da vila. Unha visita creativa e divertida por Celanova e pola poesía de Celso Emilio, na que os alumnos interactúan co medio e coa xente.

Para levar a cabo esta actividade editamos un plano da vila coa localización dos poemas, coa metodoloxía do xogo e as instrucións para resolver o reto proposto: localizar nos escaparates as estrofas do coñecido poema “Longa noite de pedra”.

 

 

Libro
Outra das partes do proxecto é a edición especial non venal, só para distribución en exclusiva aos establecementos participantes e patrocinadores, dun libro cun breve resumo da biografía do poeta, fotografías, a visión do poeta sobre Celanova, os cen poemas seleccionados, a metodoloxía do xogo literario e o plano de situación co nome comercial dos establecementos participantes no proxecto.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies