Máis Música (+msc) 2010 vén de abrir o seu prazo de inscrición para todos os grupos ourensáns interesados en participar nunha nova edición desta plataforma da música emerxente da cidade.
A convocatoria está aberta, até o 31 de maio, a todos os grupos da provincia, aínda que se valorará que todos ou algúns dos seus membros pertenzan á cidade de Ourense e que non teñan participado no anterior +msc 2009. Os interesados poden obter máis información e realizar xa a súa inscrición on line a través da páxina web www.maismusica.org.
Os grupos seleccionados terán a oportunidade de actuar dentro dalgún dos tres escenarios urbanos -Hip-Hop, Pop-Rock e Outras Músicas- que se habilitarán durante as festas de Ourense o próximo día 21 de xuño.
Na edición do +msc do ano pasado, un total de 27 grupos ourensáns tiveron a oportunidade de dar a coñecer as súas propostas musicais a través dos cinco espazos de concertos que se situaron en diferentes barrios da cidade.