Nas marxes da literatura

Autor: M. Dopico.
Data: Mércores 26 de Decembro de 2009
Publicado en: Galicia Hoxe

Rexina Vega reivindica a Álvaro Cunqueiro como un autor “contemporáneo” e “vangardista” que optou por un camiño discordante coas correntes dominantes na súa época.

“Certos críticos sospeitaron e dixeron que eu practico unha literatura de evasión porque adoito preocuparme dos problemas cotiáns urxentes do home; e non dos derivados da súa situación social e económica e etc., que non os toco. Ben, pero deberan comprender que en todo caso eu ocúpome do home, aínda que só sexa da parte dos seus soños, da necesidade que ten a súa alma de azar, de misterio e de prodixios e aínda que sexa só un adarme, engadino á dilucidación do gran tema da condición humana, advertindo que os autores das chamadas novelas sociais non engadiron máis coas súas obras á aclaración e solución dos grandes problemas sociais, políticos e económicos do noso tempo e nin aínda a súa emoción”. Son palabras de Álvaro Cunqueiro, que pronunciou nunha conferencia na Universidade Nacional a Distancia (UNED), en Madrid, no ano 1976.

Un discurso no que debulla boa parte das claves para comprender a súa obra, e no que responde aos seus críticos. Ouvirmos acaba de reunir, nun libro máis dous CD, Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora, este documento co seu correspondente arquivo sonoro, xunto co discurso de investidura de Cunqueiro como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago, máis de 100 fotografías do seu álbum persoal e unha selección dos seus poemas musicados. Dous textos, un de Rexina Vega e outro de César Morán, acompañan este material.

“Non é que non me interesen as técnicas máis modernas ou novas de narrar, (…), pero é que eu non me encontro na obriga de innovar, nada me obriga a iso, sinto de pronto a necesidade de contar algo e cóntoo como o oín contar. En suma, como contan os galegos, con rodeos e pausas” (…). “Claro que perfecciono, adobo, entremeto elementos que non foron usuais, complico, levo situacións ao límite e non hai desenlace” (…), explica o escritor no seu discurso na UNED.

“Finalmente, son profundamento respectuoso cos personaxes das miñas narracións, que entendo que o son todo menos marionetas”, engade. O autor de Merlín e Familia reivindica tamén a literatura da imaxinación, o mito, as lendas gregas e artúricas e a conexión dos personaxes bretóns co imaxinario dos galegos, así como a lingua galega.

Podes ler toda a nova nesta ligazón:
Nas marxes da literatura

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies