Unha biografía de Cunqueiro rescata cen fotografías do seu álbum familiar

Autor: Santiago Jaureguizar.
Data: Martes 25 de Novembro de 2009
Publicado en: El Progreso

O selo sarriao Ouvirmos vén de editar unha fotobiografía de Álvaro Cunqueiro na que se fai un repaso á vida do escritor a través de cen imaxes tiradas do seu álbum persoal. O volume irá acompañado de dous discos compactos nos que reúnen gravacións do propio autor xunto cunha escolla de poemas seus musicados.

O editor, Xosé Aldea, subliña que “o novedoso desta fotobiografía a respecto doutras é que integra o seu álbum familiar —que foi cedido polo seu fillo César Cunqueiro—, no que aparecen fotografías de percebes, lampreas, rapas das bestas e outros elementos que ambientaban ao escritor no seu mundo narrativo para inspiralo”.

Aldea apunta que a súa intención ao publicar esta obra, que forma parte da colección Fotobiografías Sonoras “é situar ao autor na influencia da música na súa obra”.

Un texto de César Cunqueiro figura no inicio do libro, que ten unhas duascentas páxinas. A primeira parte do volume está dedicado a un cento de imaxes que referencian momentos importantes da vida persoal do escritor mindoniense e que van acompañadas de comentarios da profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega, autora de varios estudos sobre a súa obra.

A fotobiografía ten tamén unha parte sonora na que volve a participar Rexina Vega analizando dúas gravacións realizadas ao narrador de Mondoñedo e que dan contido ao compacto ‘A palabra’. O primeiro deses discursos foi pronunciado por Cunqueiro na sede madrileña da Uned no ano 1976 e trátase dunha reflexión de visión ampla sobre a propia creación e sobre os recursos da poética que rexen o quefacer dos creadores. Foi escollido, segundo o editor, “porque Cunqueiro conta como constrúe os seus relatos”.

O segundo dos rexistros sonoros é o discurso que o autor co gallo de ser investido como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela no 1980 e “é onde fai unha defensa do galeguismo”, lembra Xosé Aldea.

Outro dos discos está integrado por unha escolla de poemas de Cunqueiro que foron musicados, como é o caso de ‘Quen poidera namorala’, en versión de Luís Emilio Batallán; ‘A dama que ía no branco cabalo’ e ‘O cabaleiro da pruma na gorra’, cantada por Amancio Prada; ‘Polos teus ollos’, interpretada por Sete Saias ou ‘Con auga de sede vella’, revisitada polo viveirense Jei Noguerol.

Podes ler toda a nova nesta ligazón:
Unha biografía de Cunqueiro rescata cen fotografías do seu álbum familiar

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies