Abre en Ourense a exposición “Sete voces para a Coral De Ruada”

O Centro Cultural Simeón da Deputación de Ourense acolle a inauguración oficial da exposición “Sete voces para a Coral De Ruada” o xoves 3 de setembro ás 20.00 horas.

A mostra, que se enmarca dentro dos actos de celebración do 90 aniversario da emblemática Coral ourensá, permanecerá aberta ao público desde o día 1 e até o 27 de setembro no Centro Simeón.

“Sete voces para a Coral De Ruada” nace a partir dos fondos propios da Coral, do seu significado histórico e do seu alcance actual. Presenta unha viaxe polas apaixonantes memorias da agrupación narrada a través de sete palabras que definen a esencia de De Ruada: Palabra, Movemento, Innovación, Galeguismo, Talento, Momentos, Legado.

Os obxectos máis relevantes obtidos e custodiados pola Coral nos últimos 90 anos, os cadros e obras de artistas relacionados con De Ruada, a proxección dun audiovisual e unha zona interactiva onde se poderán escoitar algúns dos temas fundamentais do repertorio da Coral conforman esta exposición que, en definitiva, é unha homenaxe ao valioso traballo realizado por De Ruada e por todas as persoas que xenerosamente contribuíron e contribúen a dignificar a nosa cultura desde Ourense.

Con 90 anos de historia, a Coral de Ruada representa un sólido símbolo de identidade non só na memoria colectiva de todos os ourensáns, senón tamén dentro da nómina privilexiada dos grandes coros galegos. Desde a súa presentación oficial o 24 de xuño de 1919 e até a actualidade, a Coral vén desenvolvendo un inxente e extraordinario labor, que a consagrou xa como unha entidade clave na defensa e recuperación da cultura musical popular.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies