90 Aniversario da Coral De Ruada

A Coral De Ruada é símbolo de identidade e parte da memoria colectiva de todos os ourensáns. Desde a súa presentación oficial nas Festas do Corpus aquel 24 de xuño de 1919 até a actualidade, o Coro soubo conquistar un espazo fundamental tanto na historia cultural de Ourense como na nómina privilexiada dos grandes coros galegos.
A Coral escribiu a súa historia con maiúsculas por riba dos intensos avatares políticos e hoxe é historia esencial da provincia, porque nela participaron moitos dos insignes persoeiros que Ourense achegou á cultura como Faustino Santalices ou Manuel de Dios; pero tamén é historia esencial da cidade por esa habilidade que tivo para ser tan nitidamente ourensana a través do tempo.

foto1

Por todo isto, é chegado o tempo de festexar e de exaltar o valioso traballo realizado polos membros da agrupación ao longo dos seus 90 anos de historia. E, por suposto, de reivindicar aquelas figuras que desde Ourense e a Coral contribuíron a dignificar a nosa cultura: Prieto Nespereira, Faustino Santalices, Manuel de Dios… xunto a todas as familias ourensanas que ao longo do tempo formaron parte da Coral.

Con estes obxectivos, desenvolveranse os seguintes actos de celebración do 90 aniversario da Coral de Ruada:

  • Edición do libro Primeira viaxe a Andalucía do Coro De Ruada de Xaquín Vales. A obra narra a primeira e exitosa xira que a agrupación realizou por terras andaluzas no ano 1927.
  • A exposición do 90 aniversario da “Coral de Ruada” será un dos actos centrais da conmemoración da súa fundación e poderase visitar durante o mes de setembro no Centro de Exposicións do Edificio Simeón.
  • Coincidindo coa exposición realizaranse na última semana do mes de setembro visitas didácticas Ourense Musical . Descubrir en vivo a historia musical da Coral e mais da cidade é o obxectivo destas visitas baseadas no proxecto de Ouvirmos: Itinerarios Histórico Musicais. Ourense.
  • Reedición dunha selección das primeiras gravacións realizadas no ano 1929 e distribución masiva de 14.000 exemplares. Cúmprense 80 anos daquel histórico rexistro de 21 temas da Coral para a casa Regal.
  • Dentro das Festas do Corpus 2009 no mes de xuño celebrarase o III Certame Internacional de Coros “De Ruada”. Participarán os orfeóns galegos Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Real Coro Toxos e Froles e a Coral De Ruada, que contará coa participación especial de Cristina Pato. Ademais participarán os coros portugueses de Águeda e Vila Real, así como a Coral La Enseñanza de Valladolid.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies