O Verbum retoma a traxectoria vital de Celso Emilio Ferreiro

A exposición permite ouvir a voz do poeta recitando algunhas das súas obras
Autor:
Jorge Lamas
Fecha da publicación: 8/10/2008
Publicado en: La Voz de Galicia

O Verbum-Casa das Palabras dedicará o seu espazo de exposición temporal á figura do poeta Celso Emilio Ferreiro. A mostra, que pode verse ata o vindeiro 30 de novembro, presenta a vida e a obra do escritor ourensán a través de varios paneis informativos, que repasan mediante textos e imaxes a súa traxectoria vital dende a súa Celanova natal ata Madrid, pasando pola guerra en Asturias ou o exilio en Caracas e os seus derradeiros anos en Vigo. A parte máis íntima do proxecto expositivo e un conxunto de obxectos persoais pertencentes ao escritor que se exhiben en dúas vitrinas.

Os visitantes poderán tamén acceder á proxección dun documento audiovisual realizado con imaxes e músicas extraídas da obra Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás. Este libro-cedé, publicado pola la editorial Ouvirmos, aproxímase ao autor a través de máis de cen fotografías do seu álbum familiar, e de dous cedés nos que se recolle a propia voz do poeta, así como unha escolma dos seus poemas musicados.

Mesa redonda

Nas instalacións do museo de Samil celebrarase ademais, o día 10 de outubro ás 20 horas, unha mesa redonda baixo o título de Celso Emilio Ferreiro na súa etapa viguesa (1950-1966), na que se abordarán os tres lustros que o autor pasou na cidade olívica, onde escribiu obras fundamentais como O soño sulagado (1955) e, sobre todo, Longa noite de pedra (1962). Neste coloquio intervirán Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do poeta, Ramón Nicolás, autor da Fotobiografía Sonora do celanovés, e José M. Aldea, director executivo de Ouvirmos.

A fotobiografía sonora de Celso Emilio Ferreiro é unha innovadora forma de achegarnos á obra do autor dende diferentes perspectivas e dunha forma plena. A voz de Celso Emilio Ferreiro é una das voces máis importantes da nosa literatura que alimentou coa súa palabra a varias xeracións de músicos e poetas.

A exposición propón unha mostra de literatura para ollar e para ouvir. Un percorrido por máis dun cento de imaxes que marcaron a vida do autor, seleccionadas por Carlos Díaz e comentadas polo crítico Ramón Nicolás, Xurxo Souto e Mónica Rodríguez, ilustrarán un poema representativo que nos permitirá un estudo por décadas do universo literario e persoal de Celso Emilio Ferreiro.

A mostra permitirá tamén escoitar poemas de Celso Emilio Ferreiro, cantados por artistas como Suso Vaamonde, María Manuela, Los Tamara ou Fuxan os Ventos.

Celso Emilio Ferreiro representou a parte máis social e reivindicativa da poesía galega de posguerra. Viviu en Vigo entre 1950 e 1966, ano en que emigrou a Venezuela. Tras o seu retorno a España, despois de vivir en Madrid, volveu a Vigo, onde morreu en 1979.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies