Unha “Fotobiografía Sonora” redescúbrenos a Celso Emilio

Publicado en: Radiofusion.eu o 17 de abril de 2008
EVA OCAMPO PENA

Ouvirmos recupera en imaxe, texto e audio ao poeta de Celanova. Ao igual que sucedera hai tres anos con Manuel María, o selo aposta por editar a Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro onde atoparemos 120 fotografías, escolmadas do álbum familiar do literato; así como dous CDs, un coa propia voz do poeta recitando e outro con 15 poemas musicados por diversos grupos galegos.

Fuxan os Ventos, Los Tamara, María Manuela, Suso Vaamonde e Voces Ceibes, entre outros; ademais dun tema creado en exclusiva para este traballo por García de Dios Ke Te Crew, que lle puxo son a “Deitado frente o mar”, conforman ese segundo CD, como comentou nos micrófonos de Radiofusión o responsable de Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea. Igualmente, está presente tamén nesta obra Xurxo Souto, quen realiza unha introducción do contexto, a modo de guía, no que foron compostas as cancións a raíz dos poemas de Celso Emilio.

O libro que recolle as instatáneas da vida privada de Celso Emilio, tamén inclúe, á súa vez, un texto crítico de Ramón Nicolás sobre a traxectoria vital do poeta e reproduccións das portadas máis importantes das súas obras. Un traballo de grande interese e moi didáctico, que os seus responsables desexan que resulte de utilidade no mundo do ensino. A Fonografía Sonora de Celso Emilio poderase adquirir a partir das vindeira semana nas librarías ao prezo de 39 euros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies