Ouvirmos recupera en imaxe e voz a Celso Emilio Ferreiro

Publicado en: Galiciae.com o 8 de Abril de 2008
ANXA CORREA

Detrás de cada grande autor, adoita haber unha grande historia. Para coñecer a vida persoal de Celso Emilio Ferreiro, o selo discográfico Ouvirmos presentará o vindeiro día 16 no Concello de Pontevedra unha Fotobiografía Sonora, ao igual que fixera tres anos atrás coa figura de Manuel María.

A obra achega unha nova aproximación ao autor de Celanova, amosando as 120 fotografías que compoñen o seu álbum familiar, cunha breve introdución a cargo de Ramón Nicolás sobre a súa traxectoria vital por Pontevedra, Vigo, Venezuela e Madrid. Tamén inclúe reproducións das portadas máis importantes das súas obras.

Adxúntanse ao volume dous CDs: un, coa voz do propio poeta recitando parte da súa obra; e outro, cunha escolma de 15 poemas musicados por grupos como Fuxan Os Ventos, Los Tamara, María Manuela, Suso Vaamonde e Voces Ceibes, entre outros.

As fotografías foron facilitadas pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, ao igual que as gravacións coa voz do autor de Longa noite de pedra, que houberon de pasarse de cassette a CD.

Escolma musical

Por outra banda, a selección musical pertence ao arquivo de Ouvirmos, que tivo que desbotar algúns temas para ofrecer unha ampla variedade de estilos e autores, segundo explicou o responsable de Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea.

Con todo, a maioría das cancións foron recuperadas de discos de vinilo dos anos 60 e 70, salvo un tema realizado para a ocasión pola banda de hip hop Dios Ke Te Crew, quen lle puxo son a Deitado frente o mar. Xurxo Souto encárgase de realizar unha introdución do contexto no que foron compostas as cancións a raíz dos poemas de Celso Emilio, a modo de guía.

Segundo Aldea, trátase dun libro artístico que, ao igual que o adicado Manuel María, contará con “moita acollida no mundo do ensino”, xa que para os profesores resulta un material “novidoso” para espertar o interese polos autores incluídos no currículo escolar. O volume estará dispoñible en librerías a un prezo de 39 euros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies