Ouvirmos recupera a voz e a imaxe de Celso Emilio

Publicado en: Anosaterra.org o 16 de abril de 2008
REDACCIÓN

O selo discográfico presentou este mércores 16, en Pontevedra, unha fotobiografía sonora do autor celanovés, como a que fixera hai tres anos de Manuel María.

Cunha breve introdución de Ramón Nicolás, que percorre Pontevedra, Vigo, Venezuela e Madrid, a obra reúne 120 fotografías do álbum familiar de Celso Emilio Ferreiro, seleccionadas por Carlos Díaz, amais de varias portadas das súas obras. No apartado sonoro, a proposta que lanza Ouvirmos achega dous cd: un que recolle a voz do propio poeta, a través de 13 poemas, e outro que recolle 15 dos seus poemas musicados

Anéxanse ao volume dous CDs: un, coa voz do propio poeta recitando parte da súa obra; e outro, cunha escolma de 15 poemas musicados por grupos como Fuxan Os Ventos, Los Tamara, María Manuela, Suso Vaamonde e Voces Ceibes. Tanto estas gravacións, que se conseguiron en cassete e foron dixitalizadas, como as fotografías, foron facilitadas pola Fundación Celso Emilio Ferreiro.

A selección musical pertence ao arquivo de Ouvirmos, e realizouse a partir de discos de vinilo dos anos 60 e 70, agás un tema realizado para a ocasión pola banda de hip hop Dios Ke Te Crew: as súas bases e a voz do MC García lle dan nova forza ao poema Deitado rente ao mar, un dos máis coñecidos do autor. Xurxo Souto Eiroa, músico e director de programas da radio galega, explica en “Ser dun tempo, dunha terra”, como repercutiu a creación poética de Ferreiro na nova canción galega, e a súa pegada aínda dura até hoxe, influíndo mesmo no hip hop. Aquí podemos escoitar a versión de García de “Deitado rente o mar”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies