Editan un CD con cancións de textos de Celso Emilio

Publicado en: elpais.com o 11 de Abril de 2008
D.S.

Baixo a catalogación de “Fotobiografía Sonora”, o selo pontevedrés Ouvirmos editará un libro e dous cedés dedicados ao poeta de Celanova Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). O volume en papel recolle arredor de 120 fotografías, escolmadas do álbum familiar, e un texto do crítico e mantedor da poesía completa do autor de Viaxe ao país dos ananos Ramón Nicolás. Nos soportes dixitais, a voz do autor recitando as súas propias composicións e unha selección de 15 cancións sobre poemas de Celso Emilio. A obra presentaráse o vindeiro 16 de abril no Concello de Pontevedra.

As imaxes e as gravacións dos recitados, exhumadas de casetes, proceden dos fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Os temas musicais, dos fondos da discográfica. O folk de combate de Fuxan os Ventos, a orquestra soul de Los Tamara, Suso Vaamonde ou Benedicto aparecen representados no cedé compilado por Ouvirmos, sempre sobre textos do de Celanova. Amais, o disco musical conta coa explicación introdutoria do xefe de programas da Radio Galega, Xurxo Souto, e cunha canción inédita en estudio de Dios Ke Te Crew, que transportan ao hip hop o célebre Deitado frente ao mar, de Longa noite de pedra.

Trátase da segunda fotobiografía sonora publicada por Ouvirmos. Hai tres anos fixera o propio con Manuel María.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies