Editada unha obra multimedia de Álvarez Blázquez e a biografía sonora de Celso Emilio Ferreiro

Publicado en: lavozdegalicia.es o 17 de abril de 2008
LUCÍA REY e MARÍA CONDE

Lugo e Pontevedra acolleron onte sendas presentacións dunha obra multimedia sobre Xosé María Álvarez Blázquez, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, e unha Fotobiografía sonora de Celso Emilio Ferreiro.

O músico e poeta Eloi Caldeiro presentou onte na Galería Sargadelos de Lugo a obra multimedia Xosé María Álvarez Blázquez: Entre o Miño e o mar de Vigo , integrada por un libro, un cedé e un deuvedé. «Trátase da segunda entrega da colección O son da palabra , coa que queremos ir musicando escritores galegos, e que iniciamos o ano pasado con María Mariño», explicou Caldeiro. No libro pódense atopar letras dos poemas e fotografías de Álvarez Blázquez, así como unha introdución do profesor Miguel Mato Fondo. Mentres, o cedé contén cancións infantís e nanas de once poemas para nenos recollidos en Roseira do teu mencer , o poemario que o escritor dedicou a unha das súas fillas a principios da década dos cincuenta. Finalmente, o deuvedé analiza nun documental dunha hora de duración a vida do escritor e antropólogo (Tui, 1915-Vigo, 1985).

«A nova canción galega naceu da man da palabra de Celso Emilio Ferreiro». Deste xeito presentou Xurxo Souto onte en Pontevedra a nova fotobiografía sonora dedicada ao poeta galego, un libro-disco editado polo selo Ouvirmos no que se condensan un álbum familiar de fotografías do autor e dous cedés, un con poemas de Ferreiro recitados por el mesmo e outro con temas dos artistas que musicaron os seus textos, como Suso Vaamonde, María Manuela, Los Tamara ou Fuxan os Ventos. A punto de cumprirse o 40.º aniversario do concerto fundacional de Voces Ceibes, Souto recordou que naquel intre «os rapaces da nova canción galega precisaban a palabra en galego, e atopárona en Celso Emilio, o poeta social». «E creo que el triunfou na descuberta da literatura galega a través da música», apuntou.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies