Un libro-cedé recupera discos da Coral de Ruada gravados en 1929

Publicado en: La Voz de Galicia – 02/01/2007
ÁNGEL VARELA

RECOLLE A OBRA «ESCENA CORAL GALEGA», QUE CONTABA COA ESCENOGRAFÍA DE CAMILO DÍAZ BALIÑO

A agrupación ourensá, aínda activa, recorreu escenarios de España e América

Houbo un tempo no que os coros galegos eran as agrupacións artísticas de moda. Nomes como Toxos e Froles de Ferrol, Cantigas da Terra da Coruña, Cantigas e Aturuxos de Lugo ou La Artística de Vigo eran sinónimo de cheos nos teatros galegos, e de xiras (hoxe impensables para case todos os músicos galegos) que os levaban por escenarios de toda España e incluían as prazas máis galegas de América. Un reflexo deste éxito pódese contemplar no libro-cedé Escena coral galega da Coral de Ruada que acaba de presentar a editorial Ouvirmos, especialista en recuperar gravacións históricas. O lanzamento inclúe vinte páxinas profusamente ilustradas dedicadas a contar a historia da agrupación ourensá desde a súa creación en 1919 ata a actualidade, firmadas polo especialista Javier Garbayo. O responsable da restauración sonora foi Pablo Barreiro, que utilizou os discos que a casa Regal lanzara en 1929.
O libreto interior recolle escritos do primeiro director da agrupación, Daniel González, que narra o traballo da coral: «Comenzamos nuestra labor de forma parecida a los demás coros: cantos populares en sus diversas modalidades, que yo iba recopilando en mis diversos viajes por los pueblos y aldeas de Galicia: cantos polifónicos, incluso los medievales de los siglos XIV y XVI y los bailes regionales creados por el grupo creado en el coro».

O salto a América
Dentro da agrupación montouse tamén un cadro de declamación para representar obras de teatro que eran de estilo costumista e curtas. A xunta da Coral de Ruada contactou para a escenografía co artista Camilo Díaz Baliño, pai do tamén creador Isaac Díaz Pardo, que foi o encargado de deseñar os decorados. O éxito deste tipo de representacións provocou que De Ruada comezase a facer xiras primeiro por Galicia e despois por España na década dos vinte. Xa en 1931 a popularidade do coro ourensán estaba a tal nivel que cruzaron o Atlántico para actuar durante varios meses en Bos Aires (un centenar de actuacións), Montevideo e Río de Xaneiro.

HISTORIA | Decreto do bispo en 1929 autorizando a asistir ás actuacións

As gravacións que inclúe o libro-cedé lanzado por Ouvirmos datan de 1929, o mesmo ano no que estreaban o proxecto máis ambicioso da agrupación: as escenas corais galegas. Tal expectación creou a obra, que o bispo de Ourense emitiu un decreto que permitía ao clero asistir aos festivais que se celebraron o 30 e o 31 de decembro.
Despois da Guerra Civil, a actividade da Coral de Ruada continuou sendo moi forte, e en 1950 publicaron novas gravacións (as últimas en discos de pasta) nas que imprimían o repertorio que ofrecían nos teatros de toda España.

Festival de Lorient
A finais da década dos cincuenta, a traxectoria da agrupación mudou de fisionomía e incluíu nas súas actuacións pezas de artistas como Bela Bartok, e incluso algunha peza dos espirituais negros norteamericanos. Xa nos oitenta De Ruada participou no Festival Intercéltico de Lorient (1981) e a mediados desa década regresaría a terras americanas. Na actualidade a sociedade segue a súa labor como unha das institucións ourensás con máis raizame.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies