Publicado en: El Correo Gallego – 09/01/2007
NOVAS VÍAS
ANXA CORREA | SANTIAGO
Os asistentes a este mercado potenciarán a proxección internacional da nosa música · Buscarán, así mesmo, produtos foráneos para distribuír en Galicia
A música galega terá a súa representación en Francia entre o 21 e o 25 de xaneiro. Dez empresas da industria discográfica galega participarán xunto co Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) na Feira Midem en Cannes.
Representantes de Abada, Sons Galiza, Falcatruada, Nordesía, La Fábrica de Chocolate, Promociones sin Fronteras, Ouvirmos, Cartafol, Pai Música e Zouma asistirán á Midem para tentar aproveitar unha oportunidade de proxección exterior para a música galega. Alí pecharán acordos cos que se concretarán concertos de grupos como Brath, Arte Nut, Nordestin@s ou Lamatumbá fóra de Galicia.
Pero non só iso. Tal como explica o director de Sons Galiza, Eloi Caldeiro, “para vender hai que comprar”. Os asistentes á feira van coa mirada posta non só en distribuír fóra a música de aquí, senón tamén en adquirir discos editados noutros países para colocalos no mercado galego.
Sons Galiza acudiu ao Midem por primeira vez no ano 94. E dende entón conseguiu “resultados moi importantes”, como o lanzamento dalgúns dos seus produtos en Xapón, Francia, Alemaña, Portugal ou Italia. O seu seguinte obxectivo pasa por “asentar o salto a Estados Unidos”, país co que xa estableceu algúns contactos. Xunto a Sons Galiza, “pioneiros” na feira de Cannes, un bo número de empresas acoden por primeira vez á cita, co ánimo de traer ademais novas ideas practicadas noutros países. É o caso de Falcatruada e Ouvirmos, que xa teñen participado noutras feiras internacionais.
José Manuel Aldea, de Ouvirmos, apunta que non só esperan promocionar fóra de Galicia a recuperación de patrimonio cultural e a música actual, como a de Galegoz, senón tamén “ver o que se está facendo en Europa”. E en especial, todo o referente ás ideas sobre a música para a infancia para aplicalas en Galicia, onde “este oco está abandonado”. Dende Falcatruada ocuparanse tamén de buscar novas posibilidades de distribución.
Foto: Loli López (Abada).
AS CLAVES
Cunha presenza institucional
Midem contará por primeira vez con presenza institucional galega, algo que reclaman as empresas, afirma o presidente da Asociación Galega de Discográficas Galegas Agafono, Eloi Caldeiro.
Necesidade de agrupar o sector
A presenza institucional préstalles as industrias a posibilidade de “ter un marco no que traballar”, segundo asegura Sergio Lago. E conclúe que as empresas precisan “agruparse e concentrar propostas”.