O selo discográfico Ouvirmos continúa a recuperar parte do legado musical do país

Publicado en: La Opinión – 31/07/2006
ÓSCAR LOSADA | A CORUÑA

EDITAN GRAVACIÓNS HISTÓRICAS DE CANTIGAS E AGARIMOS E OS MONTES

A agrupación compostelá, onde naceu un grupo como Leilía, cumpre oitenta e cinco anos de vida sendo sempre unha referenza sobranceira para a música tradicional galega.

A agrupación Cantigas e Agarimos naceu en Compostela no ano 1921 e constituiuse como unha da grandes referenzas musicais da capital galega durante todo o século XX. O seu antecendente estivo nun coro chamado Queixume dos Pinos, que pretendía imitar o labor desenvolvido por Cantigas da Terra na Coruña ou Toxos e Froles en Ferrol. O creador de Cantigas foi o auronsán Bernardo del Río, quen residiu en Santiago desde que tiña catorce anos. No álbum recén editado recóllense gravacións realizadas polo coro entre os anos 1952 e 1964. Entre elas atopamos unha versión de A Virxe de Guadalupe, que foi precisamente a que serviu para popularizar o tema en toda o territorio galego.

Nos anos vinte, o artista Camilo Díaz Baliño realizou diversos murais para as escenificacións do coro, obras que se conservan hoxe en día no local da entidade na rúa da Algalia de Arriba.

No ano 1940 deberon mudar o seu nome polo de Masa Coral Gallega de Santiago, ao ter que formar parte da Obra Sindical de Educación y Descanso, e en 1949 acadaron o primeiro lugar no Certame Rexional da Coros celebrado en Lugo.

A morte de Bernardo del Río en 1952 supuxo o remate da primeira etapa da agrupación. Neses intres fixéronse cargo do coro Francisco Rodríguez como director artístico e Xoan Gil Armada como presidente. En 1953 lograron independizarse da Obra Sindical e recuperaron o seu nome orixinal.

A sección de teatro creada desde a agrupación gozou de sona ao longo dos anos, nos que interpretaron obras de Castelao e Cunqueiro. Outra das bazas musicais xogadas por Cantigas e Agarimos foi a creación dunha formación de gaiteiros, que acadaron diversos premios na década dos sesenta. No ano 1969 montaron unha escola de gaitas que forneceu de novos artistas á música tradicional galega. Esta faceta tamén se recolle no cedé que vén de saír ao mercado, no que se mestura estes sons cos cantos do coro.

Co gallo da celebración das súas vodas de ouro, no ano 1971, outorgáronlles a medalla de Prata de Cidade de Santiago. Na actualidade, Cantigas e Agarimos continúa a desenvolver un labor sobranceiro a prol da música tradicional do país, participando activamente na súa divulgación e ofrecendo ensinanza a quen pretenda aprender a tocar algún instrumento ou bailar os ritmos característicos da terra. Lembremos que foi nesta entidade onde se formaron algunhas das compoñentes do grupo Leilía.

Os Montes de Lugo
Os gaiteiros máis vencellados á cidade de Lugo, polo seu prestixio e habelencia á hora de tocar o instrumento son o grupo Os Montes, fundados a mediados dos anos corenta por Franciso Ares López e os seus irmáns Anxo e Daniel.

Durante os anos cincuenta e sesenta participaron nos concursos de gaitas máis importantes de Galicia, onde adoitaban quedar entre os primeiros lugares, o que lles valeu para acadar prestixio no mundiño musical. Unha das características importantes do grupo era a excelente afinación da que facían gala nos seus recitais.

Daquela nos concursos só se permitía que actuasen dúas gaitas e un tamboril, ao considerar que o clarinete, a caixa e o bombo eran elementos alleos á tradición e que apareceran nos grupos tradicionais por medio das bandas de música. Nunha epoca determinada, tal como indica no texto incluído no álbum editado o gaiteiro Óscar Ibáñez, Os Montes deberon prescindir de chamar ao seu clarinetista porque os organizadores non querían ese instrumento e arriscábanse a non cobrar se o empregaban.

Ao longo dos anos Os Montes animaron festas a moreas, tocando especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, aínda que tamén actuaron lonxe de Galicia, en lugares como Valencia, Zamora, Madrid Murcia, Asturias, León e Melilla.

As gravacións inéditas recuperadas por Ouvirmos recollen ensaios e concursos nos que participaron os membros de Os Montes na década dos setenta. O material orixinal do que foron recuperadas son esas vellas cintas magnetofónicas que noutrora se empregaban.

Nos temas escollidos pódese escoitar ao gaiteiro Antón Corral, un nome de referenza no eido das gaitas en Galicia. Este músico adicouse a realizar construción de gaitas, unha das súas paixóns, un traballo que o levou a diversos lugares do país ata que en 1983 fica definitivamente na Universidade Popular de Vigo, onde realizou un labor importante como artesán e mestre de gaita ata o ano 2000, no que decidiu retirarse logo de aportar o seus amplos coñecementos ao alumnado.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies