“O patrimonio discográfico é moito máis delicado que os restos arqueolóxicos da Idade do Bronce”

Publicado en: A Peneira – 2ª quincena xullo 2006
ANTÓN F. ESCUREDO

Ramóm Pinheiro, director artístico de Ouvirmos

Ramóm Pinheiro (Vigo, 1975) é investigador e músico. A partir das súas experiencias no eido musical funda en 2002 Ouvirmos S.L, a primeira editora especializada en documentación musical galega. Esta iniciativa foi creada para recuperar, dignificar e divulgar o importante patrimonio músico-cultural que nos conforma como comunidade. Un proxecto tan importante que descubre día a día verdadeiras obras de arte agachadas polo tempo.

Como xurdiu un proxecto tan singular como Ouvirmos?
Eu en concreto levo moitos anos traballando no terreo da música, máis ben no ámbito tradicional e folk. Por outra parte son historiador e investigador con anos dedicados a pequenas producións. Ramom Pinheiro. Foto EscuredoDespois de varias experiencias funme facendo unha perspectiva de recuperación do patrimonio a xeito de aposta empresarial xa que forma parte do noso entorno a nivel europeo e a nivel de estado. Temos exemplos como o catalán ou o andaluz aínda inexistentes aqui, cando contamos cun patrimonio musical realmente basto e importante para a música tradicional precisamente por ser unha sociedade pouco industrializada. Aínda que na actualidade hai moitas iniciativas de colectivos de recuperación que pasan máis ben pola socialización da xente, polo disfrute, son máis ben culturais. A dimensión empresarial, profesional estaba ata hoxe totalmente inédita. Hai iniciativas que recuperan festas históricas cara ao turismo, que tratan o patrimonio natural, pero centradas no patrimonio musical somos os primeiros.

Que dificultades atopades para realizar o voso traballo?
O noso traballo é cento por cento recuperación histórica. Interésanos tres fontes fundamentais de documentación: a fotográfica, dámoslle moitísima importancia ás ilustracións; os textos, escribiuse moito dos artistas cos que nós traballamos; e os rexistros fonográficos, os discos que deixaron gravados. Na época da que falamos, 1900-1920, gravaban nomes moi concretos de cada cidade. As compañías que gravaban eran de fóra e estaban interesadas, sobre todo, nalgunhas formacións que logo podían vender á emigración.

Nós apostamos moi decididamente sabedores do patrimonio importante que ten a música galega

Na colección “A Tiracolo” estamos a recuperar os primeiros 50 anos de produción que son as de soportes fonográficos de 78 rpm. É un proceso moi lento e arduo de identificación dos artístas, localización das familias, en casos extraordinarios, como o de Cantigas e Agarimos, formacións que siguen vivas na Galiza. Interésanos traballar tamen con traballo de campo pero, en todo caso, é outro proxecto con outros investigadores e outro discurso.

Como realizades a dixitalización?
Ata hai ben poucos anos era un proceso inédito. Ninguén se podía imaxinar que tiveran interese este tipo de materiais. Era costoso a restauración dixital porque hai poucos estudos en Europa (Londres, París) vencellados a centros especializados principalmente. Máis cerca tíñamos as iniciativas da Biblioteca Nacional, o Centro de Antropoloxía de Lisboa ou a empresa Fonotron que recupera flamenco en Sevilla. Nós apostamos moi decididamente sabedores do patrimonio importante que ten a música galega.
Apostamos por buscar alianzas, convenios ou mesmo axudar a formar xente aquí porque nos sentimos moi carentes en todo o sector. Hai xente, profesionais, pero segue sendo norma que a xente teña que marchar fóra a traballar ou formarse. É unha situación límite de medios ou mesmo económica. Este tipo de especializacións son difíciles de afrontar para un estudo. Nun primeiro momento, hai xa cinco anos aproximadamente, Pablo Barreiro, xefe de produción da Radio Galega, entendeu perfectamente o proxecto e fixo unha aposta importante desde o estudo número 5 da emisora cunha inversión importante para mercar os programas necesarios. Adquiriu a formación que seguramente xa tiña de xeito teórico pero que entón aplicou tamén a nivel práctico co convencimento de que o traballo vai máis alá do meramente técnico. É unha restauración patrimonial que se tería que equiparar á dos canteiros de Poio, por exemplo. Pasaron moi poucos anos e xa comeza a haber afeccionados, en parte polo noso traballo realizado, que teñen as súas primeiras experiencias, mercan os seus primeiros materiais para o estudo e comezan a dixitalizar. Agora volcar este tipo de soportes a formato dixital xa se está facendo cun mínimo de garantías por parte de máis dun técnico aquí. É certo que o proceso de restauración sonora é complicado posto que hai que conseguir darlle un son máis fiel ao documento e que comunique mantendo a vixencia dos intérpretes. É complicado porque dalgunha maneira hai que exercer de produtor artístico mesmo de formacións de cando aínda non naceras. Eu acho que estamos madurecendo e estamos a ser xa un referente para as xentes de fóra.

Hai xente, profesionais, pero segue sendo norma que a xente teña que marchar fóra a traballar ou formarse.

Faltaría a normalización. Falamos moito das igrexas e os castelos cando o patrimonio discográfico ás veces é moito máis delicado que os restos arqueolóxicos da Idade do Bronce. É unha cuestión de ensino. Os cidadáns debemos esixir ás institucións acceder a esta información porque nos cambiaría moitos tópicos que temos sobre a nosa música.
Temos no proxecto a unha segunda persoa moi importante: José Manuel Aldea. É unha persoa moi disciplinada, que ten unha colección discográfica especializada en rexistos fonográficos galegos. Se ben non é o único que facemos, a recuperación destes rexistros si que foi central para a posta en marcha do proxecto e é polo que máis se nos coñece. A día de hoxe abrímonos a unha serie de servizos musicais tanto na dirección do patrimonio como a profesionais. Xenera un modelo inédito de empresa que, por outro lado, vemos que é posible.

A vosa colección máis coñecida, “A Tiracolo”, terá 50 traballos. Cales estades a preparar e en que outros proxectos estades a traballar?
Levamos xa uns anos realizando un inventario de todas as gravacións de discos de 78 rpm grazas a investigación nos catálogos das compañías da época. Por iso poidemos diseñar os 50 números. O certo é que non os temos localizados todos. Unha cousa é ter constancia e outro telo fisicamente. Algúns están en moi mal estado polo que as dificultades son aínda maiores. Na empresa temos varias liñas estilísticas. Está a liña azul, a máis traballada, con grupos de estética tradicional onde están os coros, gaiteiros, etc. Destes estamos a traballar para sacar aos coros Cántigas da Terra da Coruña e o Coro da Ruada de Ourense cunhas gravacións extraordinarias de 1928 onde atopamos a primeira gravación das Chirimias da Catedral de Santiago. Logo temos a liña branca na que xa presentamos a obra do violinista pontevedrés Manuel Quiroga, que está reservada a un ámbito máis académico. Ahí estamos a traballar con gravacións históricas de Andrés Gaos moi pouco coñecidas, outras de Bal i Gay que localizamos en México e a Banda Batallón de Ourense que tamén gravou no ano 1928, que foi a primeira banda de música que gravou na Galiza con repertorio integramente galego. Despois temos unha terceira liña desta colección que de cor encarnada. Serán as rarezas, a música popular e urbana que xa comezan a agromar tempranamente nas cidades como proto-orquestras ou charangas que non executan pezas tradicionais nin académicas. Son os precedentes da música Pop. Inclúen outros instrumentos e maneiras moi influenciados pola moda americana e europea. Neste sentido presentaremos un primeiro traballo dos Irmáns Moreiras que eran dunha familia de Ponteceso que emigrou a Arxentina e alí montou un conxunto de acordeóns que foi moi exitoso durante uns trinta anos de actividade, gravaron moitos discos e toda a colectividade galega lémbraos por seren os animadores dos bailes.

A música está presente en todos os períodos históricos, xa sexa dentro das igrexas, nas prazas públicas ou mesmo nos cabarés

Tamén temos en marcha outros proxectos como unha liña de publicacións de texto, unha colección que se chama Fotobiografías sonoras nas que seleccionamos aos letristas fundamentais das cancións galegas desde os anos 60. Xa publicamos un primeiro volume dedicado a Manuel María e agora estamos a traballar noutro que tratará de Celso Emilio Ferreiro. Ademais está a piques de sair o Itinerario Histórico-Musical de Pontevedra que pretende ser unha publicación orientada cara ao turismo. Foi realizada por profesionais do sector e vai acompañada dun disco. Pretende ofrecer outra maneira de descubrir os cascos históricos galegos a través da música. Hai que ter en conta que a música está presente en todos os períodos históricos, xa sexa dentro das igrexas, nas prazas públicas ou mesmo nos cabarés. Ocupa todos os ámbitos posibles da vida humana e nos pode guiar a través da arquitectura, do urbanismo e a historia de calquera vila. Por último apostamos pola progresión da nosa música fóra. En parte pola nosa supervivencia xa que o mercado galego é case inexistente. Por iso chegamos a convenios coas grandes distribuidoras mundiais a través da rede. É unha oportunidade de difundir o noso patrimonio e, ao mesmo tempo, conseguir que os nosos músicos cobren os seus dereitos de autor.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies