«A rianxeira» se dixitaliza

Publicado en: La Voz de Galicia – 13/07/2006
LUIS GUERRA PAZ | SANTIAGO

UNHA CORAL QUE CUMPRE OS OITENTA E CINCO ANOS

Preséntase «Na Algalia de Arriba», unha antoloxía de dezaseis pezas musicais de Cantigas e Agarimos restauradas pola discográfica Ouvirmos

Quen non cantou algunha vez a estrofa «ondiñas veñen, ondiñas veñen e van…»? Este tema, composto en honor a Castelao na Arxentina a súa volta de París como ministro da República, foi gravada en Madrid polo fundador do coro Cantigas e Agarimos, Bernardo del Río, aproveitando unha xira do coro á capital no ano 52 e que supuxo un gran éxito na época. Este tema que foi adaptado do orixinal, forma parte do novo disco Na Algalia de Arriba , que se presentou onte no Concello de Santiago e que supón unha recuperación e dixitalización das cantigas perdidas no arquivo da Coral, grazas principalmente a previa labor de Crisanto Sanmartín, polifacético membro que entre outras moitas facetas exerceu a de arquiveiro.

A nova obra presentada na que se fai unha escolma de dezaseis cantigas supón «un paso moi importante da difusión e proliferación da nosa música» en palabras do concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Sergi Fernández, un dos artífices que fixeron posíbel a obra, sorprendeuse na súa labor investigadora na que traballou con persoas de arredor de oitenta anos, que estas recordaran ao coro e incluso as letras dalgunha das cantigas que formaban o repertorio do coro, como podía ser Foliada de Santiago. Esta coral, que cumpre os oitenta e cinco anos, e cunha media de idade de corenta e cinco e «sen canas», en palabras do seu presidente Pedro Senande Méijome, agradeceu no seu nome o labor realizado pola discográfica Ouvirmos para facer posíbel a restauración e dixitalización do patrimonio musical da coral, agradecemento que recolleu con agrado Ramón Piñeiro, director da discográfica, que sentiuse reconfortado pola labor e desexoso de colaborar en novos proxectos da mesma índole. Tamén engadiu que «a diferenza doutras comunidades coma a andaluza que consideran a súa música como un produto interior bruto na nosa comunidade queda moito traballo por diante» e recordou a labor realizada por persoeiros como Pablo Barreiro Rivas, precursor na labor de recuperación e documentación da música galega que trata de iniciar Ouvirmos. Quen queira continuar a estrofa inicial poderala cantar no Teatro Principal as oito e media de balde.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies