Lembrando o poeta da Terra Chá

Publicado en: Galicia Hoxe – 21/05/2006
SUPLEMENTO LECER
EMILIO ESPAÑADERO

FOTOBIOGRAFÍA SONORA DE MANUEL MARÍA

A suma dunha serie de vontades deu como resultado a publicación dun interesante volume, composto por un libro e dous discos, que nos ofrece unha fermosa visión da figura poética e humana do lembrado Manuel María, o poeta chairego namorado da terra e do home. Xosé Manuel Aldea, Carlos Díaz, Xurxo Souto, Mini e Mero conversan sobre o traballo e o escritor.

O libro recolle máis de cen fotografías, que abranguen sete décadas da vida de Manuel María, acompañadas por un breve estudo introdutorio preparado por Xan Fraga Rodríguez e Mónica Rodríguez Vázquez.

manuel_maria_e_saleta.jpg
En familia Manuel María, coa súa compañeira, Saleta Goi
FOTO: G.H.

Ademais, os dous discos incluídos complementan perfectamente ao libro. No primeiro deles podemos escoitar a propia voz de Manuel María, recitando algúns dos seus poemas. No segundo recóllese unha escolma das gravacións dos moitos textos do poeta que foron musicados por diferentes grupos e solistas, tanto galegos como de fóra. O libro péchase cunha completa relación de todos os rexistros sonoros que existen da obra de Manuel María, realizada polo biógrafo e grande estudoso da súa obra: Camilo Gómez Torres.
A empresa responsable da publicación desta Fotobiografía Sonora é a editora galega denominada Ouvirmos, especializada na documentación do patrimonio músico-cultural do noso país e na súa recuperación a través da colección A Tiracolo. Un dos seus responsables, Xosé Manuel Aldea, presentounos esta nova oferta editorial de Ouvirmos:

A iniciativa de publicar esta ‘Fotobiografía Sonora’ ¿como xurdiu?
Como case todos os nosos proxectos este é o froito dun proceso colectivo, que uniu as nosas ideas coas das entidades impulsoras da Homenaxe Nacional a Manuel María. Esas entidades son a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa Pola Normalización Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Ademais, era imprescindíble a colaboración de Saleta Goi ¿non?
Pois si. Sen ela non sería posíbel a publicación deste libro, xa que foi quen puxo á nosa disposición, como viúva e herdeira, o principal valor deste traballo que é o álbum fotográfico familiar e persoal de Manuel María.

As fotografías incluídas no libro ¿proceden tamén dalgunha outra fonte?
Si, a segunda das fontes que achegou tamén un importante fondo documental foi Carlos Díaz.  Carlos emigrara a Suíza, e alí coñeceu a Manuel María nunha das súas viaxes por Europa. Foi asemade o responsable das gravacións da propia voz do poeta.

Esas gravacións ¿precisaron ser restauradas?
Si. As gravacións rexistradas en Xenebra, que compoñen os tres poemarios inéditos que se recollen no primeiro dos discos, precisaron dun proceso de restauración.

¿Quen foi o encargado dese traballo?
O responsable foi Xosé Navia, que desde hai algún tempo está a colaborar connosco en diversos proxectos de restauración sonora.

No que se refire ás gravacións musicais, e no que afecta aos distintos dereitos intelectuais de cada unha das pezas ¿houbo problemas?
Máis que problemático foi un traballo moi duro, xa que tivemos que negociar con avogados e asesores legais de compañías discográficas como Sony-BMG, Producións 2001, Trebón Producións, etc. Tivemos que chegar a un acordo, case que por cada autor que aparece no disco.

O responsable dos rexistros da voz de Manuel María e de boa parte do material fotográfico incluído nesta obra, Carlos Díaz, falounos da súa relación persoal co poeta e do material recollido no primeiro dos discos:

Fálanos da túa relación persoal con Manuel María.
O meu primeiro contacto persoal con Manuel tivo lugar en Monforte, no ano 1972, cando eu estaba organizando diversas actividades relacionadas coa cultura do noso país para trasladalas aos galegos da emigración. Manuel María foi o primeiro intelectual que se prestou a compartir as súas experiencias e a súa palabra cos emigrantes galegos en Suíza. Desde aquel primeiro contacto e ata a súa morte a nosa amizade foi absoluta.

No teu texto, incluído na fotobiografía sonora de Manuel María, comentas que son poucas as gravacións da súa voz coas que contamos ¿non?
Desgrazadamente así é. A nivel de gravación profesional contamos soamente cun disco, que recolle a lectura de cinco poemas, e a nivel “afeccionado” non existe máis que a gravación que eu lle fixera no ano 1974 en Xenebra (Suíza).

Preséntanos os 4 “movementos” nos que se divide o primeiro dos discos incluídos nesta edición, o que inclúe as gravacións da voz do poeta.
O primeiro deles recolle as gravacións que publicara o selo discográfico Edigsa no ano 1968, cinco poemas que pretencen ao seu (daquela inédito) libro Remol, que foi publicado na Arxentina no ano 1970. Os outros tres “movementos” son, en realidade, tres libros íntegros de Manuel María. O primeiro deses libros é o Aldraxe Conta A Xistra, que publicamos nós mesmos en Xenebra no ano 1973, o seguinte é Versos Para Un País De Minifundios, editado en Bos Aires en 1969, e o último é o Laio E Clamor Pola Bretaña, que foi publicado en Lisboa no ano 1973. Polo tanto, os catro libros que se recollen na propia voz de Manuel María foron publicados na emigración.

O feito de ver publicada esta obra ¿que supón para ti?
Aquelas gravacións en Xenebra fixémolas cuns medios técnicos mínimos. De feito, as oitocentas cintas que fixemos gravámolas unha a unha. Esas cintas fóronse espallando entre a emigración galega e foron moi poucas as que chegaron a Galiza. Co paso do tempo esas cintas foron caendo no esquecemento e por iso o feito de que, case vinte e cinco anos despois, estean de novo a disposición dos galegos e galegas é para min motivo de fonda satisfación.

E o propio Manuel María, se puidera ver esta publicación nas librarías ¿que pensaría?
A Manuel todo o que significase difundir a súa obra producíalle unha grande alegría. Eu participei ao longo de vinte anos na publicación de moitas dos seus libros, por iso sei que para el cada nova edición era como o parto dun primoxénito, como se fora o primeiro libro que publicaba. Esta foi en Manuel unha constante ata o último momento, por iso estou seguro de que para el esta Fotobiografía Sonora sería motivo de gran ledicia.

portada_e_cds.jpg
Presentación Así é a ‘Fotobiografía Sonora’ de Manuel María
FOTO: G.H.

Para a escoita do segundo dos discos incluídos na Fotobiografía Sonora de Manuel María, no que se recolle unha escolma de pezas gravadas por diversos grupos e solistas que musicaron os textos do poeta, o lector conta cun guía de excepción que tamén gozou da súa amizade: o músico, escritor e xefe de programación da Radio Galega: Xurxo Souto.

O compromiso coa cultura galega ¿foi algo que Manuel María mantivo ata o final?
Por suposto, Manuel María era a palabra que anda. Nos dez anos que viviu na Coruña, e nos que tiven a honra de ser o seu amigo, foi un referente de galeguidade e de marabilloso compromiso coa terra e co ser humano.

Preparar unha escolma das moitas letras de Manuel que foron musicadas por distintos grupos e solistas ¿foi moi complicado?
Non foi fácil pero si moi agradable. Cando na fin da ditadura franquista algunha xente nova decidiu reinventar a música galega, atoparon en Manuel María unha fonte fecunda de marabillosas letras que lles serviron para o seu traballo musical. Coas máis de setenta referencias, de poemas do Manuel musicados, tratamos de facer unha peneira equilibrada que, por suposto, non é absolutamente plena nin fecunda pero penso que si que é ben representativa.

Como título da guía de escoita dentro do libro escolliches ‘Unha canción galega, marabillosa e panteísta’ ¿Por que?
O título ten a súa orixe nuns versos dedicados por Manuel a Nosa Señora Da Saleta De Astureses (Versos do lume e do vagalume, 1982), nos que narra unha viaxe que fixeron Saleta e el, xunto a Felipe Senén e a súa dona, pola zona do Carballiño. Nese lugar dicía Manuel que as estrelas estaban acendidas coma “unha canción galega, marabillosa e panteísta”. Eu penso que o monumental legado que nos deixou o poeta móvese nesas tres claves; a súa é unha obra pluriforme, na que Galiza é o centro e da que podemos extraer referencias para cantar durante centos de anos.

Entre os músicos que traballaron cos textos de Manuel María houbo algúns de fóra de Galiza ¿non?
Si, os seus textos chamaron tamén a atención de músicos de Euscadi e Cataluña. De feito, cando naceron os movementos musicais da Nova Cançó en Cataluña e de Voces Ceibes aquí en Galiza, o nexo de unión entre eles foi, precisamente, Manuel María. Entre os músicos que formaron parte da Nova Cançó estaba Enric Barbat quen, ó ver de Manuel Vázquez Montalbán, era o que mellores letras escribía. A Enric cábelle a honra de ser o primeiro músico que publicou unha peza con texto de Manuel María, concretamente o Bando Para O Alcalde (que el titulou Edict) e que aparece recollido tamén na escolma musical. Na escolma musical aparece tamén o cuarteto vasco Deabruak Teilatuetan e, de Galiza Fuxan Os Ventos, A Quenlla, Suso Vaamonde, María Manuela, O Carro e Na Virada.

Un dos fundadores de Fuxan Os Ventos e A Quenlla, que tamén gozou da amizade de Manuel María, é Xosé Luís Rivas Cruz “Mini”:

Da figura de Manuel María ¿cales son as túas lembranzas?
Na persoa de Manuel María fundíanse un extraordinario poeta e unha excepcional persoa, dunha humanidade e calidade persoal inmensas. Para min, ademais de ser o máis grande poeta que perdeu Galiza nos últimos anos, era un home que sabía conxugar á perfección a amizade e a fidelidade e, sobre todo, era capaz de conxugar iso que é tan difícil atopar nun home como é pasar por riba de calquera traba que se lle quixera poñer a unha amizade ou relación persoal. Penso que foi un home tan inesquecible como irrepetible.

Sobre as diferentes músicas que tedes composto para os seus textos ¿comentouvos algo nalgunha ocasión?
Moitas veces, e algunhas delas non lle gustaban. En concreto, sei que nunca lle gustou unha composición miña, de corte tradicional, para o tema de Santo Alberte. A el non lle gustou e díxomo como sempre dicía as cousas, tal como as sentía. Pero sempre tivo unha predisposición excepcional a colaborar connosco, cando necesitabamos unha letra para algún tema bastaba con pedirllo. Cando foi o das Encrobas preparou a letra por encargo, foi un poema escrito para ese tema e para ese momento, porque nós xa tiñamos a música preparada. Incluso cando algún texto seu que queriamos musicar nos parecía demasiado curto, traballaba de novo nel para alongalo.

A dimensión e importancia de Manuel María dentro da cultura galega ¿como a valorarías?
Aparte da súa inmensa e extraordinaria obra poética, penso que hai que subliñar que sempre foi un precursor. Apoiaba toda inciativa relacionada coa cultura galega, sen ningunha ansia de protagonismo.
Penso que é incalculable o valor das moitas cousas que Manuel María fixo, ao longo de toda a súa vida, pola cultura deste país. Deixounos como herencia, por exemplo, unha concepción da Terra Chá que conseguiu que unha patria poética se convertera nunha mini-patria física. Ademais non lle poderiamos agradecer suficientemente a axuda que para moitos de nós supuxo, no labor do ensino, o seu libro Os Soños Na Gaiola.

Algo que sempre te uniu con Manuel María foi un claro compromiso social ¿non?
É que ningún de nós podía comprender o compromiso cultural sen o social. Este é un país de pobres, de ignorados, de xente acovardada pola situación política e os moitos anos de represión, é un país de caseiros, de humildes. Ese é o país que nós amamos e o que reflectimos nas nosas cancións e poesías. E en calquera poema do Manuel, aínda nos de corte máis bucólico, aparece ese país dos que sofren a historia día a día.

Un compañeiro inseparable de Mini en numerosas e variadas “batallas” (musicais, culturais ou sociais) e que tamén tivo unha relación persoal moi estreita con Manuel María é Baldomero Iglesias Dobarrio ‘Mero’, quen antes de comezar a nosa conversa advertía que ao falar da obra de Manuel María, “non posúo ningún tipo de parcialidade, porque ademais do gran poeta nacional que foi e figura destacable das letras galegas, para min sempre foi, en primeiro lugar e fundamentalmente, un amigo”.

Dentro da extensa obra literaria de Manuel María ¿que é o que máis destacarías?
Manuel María empregaba, na súa fala cotiá e na poética, unhas verbas moi próximas ao que eu penso e sinto nas miñas entrañas; fundamentalmente ese ‘íe’ pentético que posuímos os chairegos. Sobre todo nos primeiros tempos da súa poesía, el non fala da primavera senón que fala da primaveira, non fala do ceo senón de ceio. Ese i tan pequeniño crea unha estrela máis, unha flor máis na primavera, que nos aproxima máis intensamente ao que Manuel facía e escribía.
A súa obra poética foi moi extensa e penso que ben coñecida por todos. É unha obra moi gratificante para todos os que nos sentimos autodefinidos con ela. As definicións que Manuel María fai son extraordinarias; cando fala do regato do Cepelo, que é un regatiño pequeno, chega a darlle unha dimensión universal; cando fala do carro, que é un apeiro máis de compañía dos labregos, chega a darlle vida e di que se non canta ese carro quedamos nunha soidade terrible.

¿E como persoa?
O Manuel era un home moi simpático, entrañable e afectivo. Destacaba nel unha gran cualidade sobre todas e é que era un gran conciliador de vontades. Teño pasado momentos con el tomando un café e desfrutando dun cigarro harmonioso, que era como unha pipa de moitas paces, e decatarme que o tempo tiña máis valor cando estaba na súa compaña, que era un tempo totalmente produtivo no que aprendía unha lección inesquecible. Coas súas verbas Manuel nunca adoutrinaba, non obstante facía que reconsiderases moitas cousas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies