Sons e imaxes de Manuel María

Publicado en: A Nosa Terra – Nº 1.208 Do 26 de xaneiro ao 1 de febreiro do 2006
MAR BARROS

A editora Ouvirmos vén de presentar a Fotobiografía Sonora de Manuel María, un volume composto por un libro e dous compactos, que queren aproximar o público á figura literaria e humana do poeta da Terra Chá.

Congresos, exposicións, conferencias, recitais poéticos, libros… a toda a serie de actos conmemorativos cos que se está a recordar a figura do poeta da Terra Chá, vén sumarse a recente publicación da Fotobiografía Sonora de Manuel María, un volume composto por un libro e dous compactos que queren aproximar á figura literaria e humana do escritor.

Manuel María e SaletaDeseñada e publicada pola editora Ouvirmos, especializada en documentación musical galega, a obra compila máis dun cento de fotografías do poeta, unha sorte de álbum que dá conta da súa vida dende a súa infancia até os seus derradeiros anos. Todo este material gráfico complétase cun breve estudo sobre o labor que desenvolveu Manuel María durante máis de seis décadas, realizado por Xan Fraga quen ademais asumiu os labores de compilación e selección do arquivo gráfico.

O volume inclúe un compacto titulado Poemas, que recolle a voz do propio escritor recitando as súas propias creacións. A pesar de que a obra realizada por Manuel María é ampla, existen contadas gravacións editadas coa voz do poeta. Neste primeiro compacto da fotobiografía recóllese a totalidade dos poemas contidos no disco gravado pola editorial catalá Edigsa (Manuel María. Poemas ditos coa súa voz) e na cassette de Roi Xordo (Manuel María). Así, volven saír a luz as palabras recollidas en Barcelona en 1967 nunha gravación da que Carlos Díaz Martínez, coordinador deste disco, recorda a aventura. “Cando o expediente de autorización foi presentado a previa Consulta (en aplicación da coñecida Lei Fraga) o censor do momento preguntou quen era ese descoñecido autor chamado Manuel María, e, en verbas do propio autor, o mentor de Edigsa afirmou claramente que a autoría era un pseudónimo do mesmo Rei Afonso X O Sabio. Ante semellante afirmación o funcionario só tiña a opción do respecto á historia e autorizar a gravación”. A outra gravación que se inclúe no disco de Ouvirmos foi realizada por Edicións Roi Xordo de Xenebra, que fora fundada por emigrantes galegos nacionalistas para realizar producións culturais. O volume complétase cun segundo cd, Músicas, no que se achega unha escolma das cancións compostas a partir de poemas de Manuel María. Entre os grupos e os intérpretes que engrosan a nómina deste compacto, coordinado, comentado e guiado por Xurxo Souto, atópanse Fuxan os Ventos, María Manuela, Suso Vaamonde, O Carro e A Quenlla.

O remate pono Camilo Gómez Torres, biógrafo e grande estudoso da obra de Manuel María, que facilita un inventario de todos os rexistros sonoros existentes do poeta.

Con este volume, a editora quere “achegar o patrimonio musical ás xeracións que o descoñecen e axudar a redescubrilo a aqueles que teñen coñecemento del”.

A publicación deste material engrosa o programa de actividades que dan forma ao Ano Manuel María, organizado pola ASPG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, iniciado o pasado mes de outubro e que se prolongará durante este ano.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies