Publicado en: XornalGalicia.com – 17/03/06
Manuel Quiroga, magnífico intérprete e compositor de violín do século XX, é homenaxeado dende o Concello de Pontevedra coa publicación do que xa é o segundo disco editado pola administración local (o primeiro editárase durante o 2004, ano da música). A concelleira de Cultura, Mª Xesús López Escudeiro, presentou esta mañá unha escolma do traballo de Manuel Quiroga realizado na compaña da súa muller Marta Leman, pianista parisina. Esta escolma é froito dun rigoroso proceso de estudo no que colaborou o Museo de Pontevedra coas súas aportacións.
López Escudeiro estivo acompañada durante a presentación do responsable da edición artística de Ouvirmos, Ramón Piñeiro, e de Martín Blanes, quenes traballaron no proxecto de sacar á luz este novo disco no que se recopilan algunhas das mellores interpretacións do xenial músico. O Teatro Principal acollerá un acto en conmemoración do artista no que se darán a coñecer as interpretacións recollidas neste disco. O acto terá lugar o vindeiro día 10 de xuño no Teatro Principal.
Manuel Quiroga é unha referencia a nivel internacional e está considerado como un dos máis relevantes intérpretes de todo o mundo no século XX. En troques o seu material discográfico achábase moi espallado, atopándose curiosamente algunhas das mellores recopilacións en países coma Estados Unidos, Xapón, Reino Unido ou Italia. Esta escolma pretende achegar aos galegos a figura de Quiroga e axudar a facer que recupere o seu lugar na música universal.
Manuel Quiroga naceu na Pontevedra de 1892. Dende neno amosa unha especial sensibilidade pola música e o violino, acadando gran prestixio dende moi novo. Así, con apenas 19 anos gaña por unanimidade os concursos e premios de violino máis importantes do momento. Entre 1911 e 1936 realiza as súas interpretacións por toda Europa, América do Norte e Latinoamérica, obtendo un éxito sen parangón ha historia da música galega. Ademáis, destacará como compositor, debuxante e caricaturista, o que foi a súa gran paixón.