Manuel Quiroga, un dos mellores violinistas de todos os tempos

Publicado en: La Opinión – 27/03/2006
ÓSCAR LOSADA | A CORUÑA

UN ACCIDENTE FRUSTROU A CARREIRA DUN MÚSICO QUE DEIXOU UNHA PEGADA IMBORRABLE CO VIOLÍN

A editorial Ouvirmos publica un novo álbum que recolle pezas interpretadas a finais dos anos vinte polo pontevedrés e a súa dona, Marta Leman, acompañándoo ao piano.

Un xove Quiroga. Arq. Museo de Pontevedra
O pontevedrés Manuel Quiroga foi considerado como un dos grandes músicos solistas de violín, malia ser unha figura bastante descoñecida para quen non estea metido no mundo da música. Agora edítase o álbum titulado De violino e piano, unha recuperación de gravacións da década dos vinte do século pasado.

A miúdo, este artista galego foi comparado con Sarasate e dase a excepcional circunstancia de que éste viviu en Pontevedra na casa na que posteriormente nacería Quiroga. O talento do músico galego levouno a realizar concertos por moitísimos países, entre eles unha xira nos Estados Unidos no ano 1914 . A presentación nese país realizouse no Hipódromo de Nova York, o único recinto con capacidade para dar cabida ás máis de cinco mil persoas que querían comprobar en directo as súas excelentes cualidades co violín nas mans. No ano 1931 recibiu o galardón de Cabaleiro da lexión de Honra por parte do goberno fancés, o recoñecemento máis importante para as artes. En 1948 recibirá a encomeda de Afonso X O Sabio, honor gardado en España para loar o traballo dos artistas máis sobranceiros.

Este é o segundo álbum de Quiroga que edita o selo Ouvirmos. O seu responsable, Xosé Aldea, indica que con esta edición, “xa quedan reeditadas todas as gravacións coñecidas do violinista”. Estas dúas obras poñen a disposición dos estudosos e dos violinistas actuais unha obra artística considerada de altísimo nivel. “Cumprimos así un dos nosos obxectivos, que é o de divulgar e dar a coñecer a músicos que estaban esvaidos dentro do imaxinario colectivo, e agora xa se pode escoitar o seu legado musical”.

No texto incluído no álbum, o investigador Martín Gonzalo Martínez Blanes explica o infortunio que padeceu o pontevedrés, cando xa era considerado como unha lenda viva. O 8 de xuño de 1937, Quiroga resultou atropelado por un camión en Nova York logo de dar un concerto. O accidente deixouno sen mobilidade do brazo e malia que estivo consultando durante anos aos mellores doutores, o que lle obrigou a gastar cartos a moreas, xa non puido tocar nunca máis e regresou derrotado á súa cidade natal, lugar onde morreu coa tristura do que se ve afastado do que máis ama.

Cómpre salientar que parte importante nas gravacións é o traballo desenvolvida ao piano por Marta Leman. A dona de Quiroga soubo adaptarse perfectamente ao papel de acompañante do solista cando ela mesma era considera unha pianista notable.

Quiroga tocou cos mellores directores de orquestra do mundo e unha manchea de músicos profesáronlle unha gran admiración, como Andrés Segovia e Pau Casals, que tocaron en concertos para fornecer de diñeiro a Quiroga na procura dun médico que dera solución ao seu brazo escangallado. Yehudi Menuhim, considerado un mestre do violín, tamén caeu nas redes dos que admiraban profundamente ao galego en canto escoitou un dos seus concertos durante a súa mocidade. “O son de Quiroga era sinxelamente… marabilloso”, declarou no seu día.

As vindeiras obras que verán a luz na discográfica Ouvirmos no decurso deste ano serán un traballo do grupo de gaitas lucense Os Montes, un disco da Coral de Ruada e outro do coro herculino Cántigas da Terra, que aparecera cara a finais de ano.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies