Unha fotobiografía sonora lembra a figura do poeta Manuel María

Publicado en: La Opinión – 06/02/06
ÓSCAR LOSADA | A CORUÑA

OUVIRMOS LANZA A OBRA CON MÁIS DE CEN FOTOS E TEXTOS QUE FALAN SOBRE A VIDA DO ESCRITOR

No apartado musical recóllense as gravacións efectuadas por diversos artistas, como A Quenlla, Fuxan os Ventos, María Manuela e Suso Vaamonde, sobre textos do lucense.

Esta obra, na que se mestura o que é propiamente un libro, con fotos e textos, engadíndolle dous CD, constitúe unha homenaxe ao que representou a figura do desaparecido Manuel María na literatura e na cultura galega.

O traballo fai un percorrido, datado por décadas, comezando nos anos trinta e rematando no ano 2000, pola vida do escritor. Para ese apartado contouse con textos de Xan Fraga, Mónica Rodríguez, Carlos Díaz, Xurxo Souto e Camilo Gómez. Tampouco esquecen incorporar algún poema significativo na carreira do literato da Terra Chá.

A memoria gráfica é parte fundamental da obra, e ao longo das 183 páxinas vense instantáneas que recollen as diferentes etapas da vida de María, nas que non faltan as fotos cos compañeiros escritores e aquelas que fan referencia á súa militancia política no nacionalismo de esquerdas.

No primeiro dos CD recóllense poemas na propia voz de Manuel María. Eis un material de valor documental no que se pode comprobar como declamaba a súa obra o poeta. Para elaborar este material botouse man de diferentes gravacións editadas coa voz do finado.

No segundo CD atopamos cancións con textos do escritor interpretadas por diversos artistas, case todos galegos, aínda que no traballo se recolle un achegamento desde Euscadi realizado polo cuarteto Deabruak Teilatuetan (Os demos no tellado) aproveitando que parte da obra de María foi traducida ao éuscaro dentro dunha escolma poética. Tamén se pode escoitar o labor feito polo menorquino Enric Barbat sobre o poema Bando.

En canto á representación do país conta a obra con catro pezas de Fuxan os Ventos, que reflicten a conciencia social que mantiña María nos seus textos e que incorporaba o famoso grupo aos temas que compuxeron a súa andaina no eido da música. O aradiño, Labregos, O carro e Cantiga das encrobas son as pezas incluídas.

A Quenlla é un grupo que botou man do da Terra Chá en varias ocasións. Cinco son as pezas interpretadas polo conxunto para esta obra. Entre elas temos Un segredo, canción que forma parte do seu último traballo discográfico, editado en 2003.

María Manuela achega un par de versións de textos do lucense realizadas no ano 1978.

Outro par de temas de Suso Vaamonde incorporáronse a esta obra conxunta.

Para completar a parte musical contan coa canción O meu barco, interpretada por O Carro, e unha contribución do grupo Na Virada en clave de música infantil con Sr. Gato: atención.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies