Avelino Cachafeiro, unha referencia mítica para os gaiteiros galegos

Publicado en: La Opinión – 03/01/06
ÓSCAR LOSADA | A CORUÑA

NO ANO 1924 VENCEU NUN CONCURSO DIANTE DOS MELLORES INSTRUMENTISTAS DE GAITA DO PAÍS

A editorial Ouvirmos vén de editar o álbum `Os gaiteiros de Soutelo´, grupo no que Avelino exercía como líder da formación, no que se recollen gravacións do ano 1928.

Soutelo de Montes é unha localidade mítica para a música galega porque alí naceu Avelino Cachafeiro o 26 de maio de 1898. Este músico soubo interpretar con mestría as emocións que se poden extraer dun instrumento como a gaita e foi quen de xerar unha atención tanto dos seus colegas de profesión, daquela había músicos que gañaban bos cartos facendo música tradicional polas festas, como dos intelectuais.

Avelino foi considerado pola xente en Galiza como o gaiteiro, así sen máis, como dando a entender que reunía na súa persoa as características ideais para personificar o que representa unha figura tan sobranceira para un país onde a gaita é o instrumento máis importante.

As habelencias sobre o punteiro víñanlle de familia, posto que o seu pai tamén exerceu como gaiteiro e cobraba un bo diñeiro, polo que non permitía que os seus fillos tocasen o instrumento, tal como indica Xose Manoel Rivas Troitiño no libro biográfico.

O gaiteiro de Soutelo, editado no ano 1977 pola empresa Begano.

O pequeno Avelino comezou a aprender as agachadas e ía ao monte para tocar a gusto. Certo día, o pai enterouse de que o seu fillo tocaba e quixo escoitalo, e tal como salienta Rivas Troitiño “foi honrado e ao escoitar ao rapaz decatouse de que lle tocaba a hora do relevo. Agasallou coas gaitas a Avelino e el adicouse a tocar o bombo e bailar muiñeiras”.

Ao rematar a I Guerra Mundial, naceu o grupo Gaiteiros de Soutelo, con Avelino e o seu irmán Castor nas gaitas, o pai ao bombo e Bautista, outro dos seus fillos, completando a formación. O grupo acadou axiña moita sona e deberon mercar un coche Ford para poder desprazarse ata todos aqueles lugares que demandaban os seus servizos.

Entón Avelino foi chamado a filas para servir á patria, tendo a fortuna de que o mandaran para a casa aos tres meses ao ser excedente de cupo. Logo foi nomeado gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra. Pero o que daba ben de comer aos músicos seguía a ser o cuarteto dos Gaiteiros de Soutelo, que semellaban estar en toda canta festa había por Galiza adiante, e ademais tamén eran requiridos desde localidades españolas para que amosasen a súa arte e fixesen bailar á concorrencia. O vello Ford pediu papas após tantos quilómetros e tiveron que mercar un auto novo para continuar na ruta festeira.

Avelino continuaba a ser unha figura moi popular na sociedade galega e comezaron a xurdir cantigas populares que lle facían referencia. “O gaiteiro de Soutelo/ un raio de Dio-lo mate/ non quere tocar a gaita/sen que lle den o chocolate”, ou estoutra tan coñecida que di “Toca, gaiteiriño, toca/meniñas correi a velo/ que é moita gaita a gaitiña/ do gaiteiro de Soutelo”.

O éxito rebordaba e chegou unha oferta para facer as Américas. A súa presentación foi no teatro Avenida de Bos Aires, en febreiro de 1930, e a partir dese mesmo momento o talento do grupo permitiulle facer unha gran carreira.

Como dato importante cómpre sinalar que se facían acompañar por unha parella de baile, o que facía máis completo visualmente o espectáculo que montaban, ao que tamén contribuían os decorados realizados para a ocasión polo egrexio Castelao e o pintor Camilo Díaz Baliño. O conxunto nunca descoidara os bailes, e xa nos seus primeiros tempos botaban algunha peza co público asistente á actuación.

A xira americana incluíu cidades como Rosario, Córdoba e Montevideo. Existía unha gran diferenza entre as actuacións en territorio galego e as que fixeron en Bos Aires. Na capital arxentina os concertos realizábanse nun teatro, que contou con boas entradas ao longo do mes que os galegos estiveron en cartel, o que lles permitiu aforrar un bo capital posto que as condicións asinadas para os artistas no contrato eran moi boas.

A Guerra Civil española levounos cara a Francia, e os gaiteiros tiñan a intención de viaxar ata Berlín para participar nos Xogos Olímpicos que se ían organizar na cidade xermana. Finalmente, Avelino regresou a Galiza, pero o seu irmán Castor emigrou a Venezuela e o grupo desfíxose.

Logo Avelino Cachafeiro montou diversos negocios, entre eles unha sala de cine, deixando un tanto esquecida a gaita en favor da pintura e da poesía. Indica Rivas Troitiño na súa biografía que a morte da súa muller fixo que non tivese tantas ganas de coller a gaita porque el quería montar a festa con ela e non tocar pezas melancólicas que reflectisen o seu estado de ánimo vital.

O álbum acabado de editar recolle os rexistros sonoros efectuados en Ourense en 1928, entre os que se atopa a primeira gravación da popular Muiñeira de Chantada. É a primeira vez que se editan eses temas históricos.

Os Gaiteiros de Soutelo considéranse como o máximo expoñente do tradicional cuarteto de gaitas, así como un referente estético e musical para as xeracións de gaiteiros posteriores, en especial o quefacer de Avelino como solista extraordinario.

O famoso gaiteiro de Soutelo morreu en abril do ano 1972, e a súa figura é un símbolo musical sempre presente para todos os gaiteiros galegos. Cada verán celébrase un concurso que leva o seu nome e no que se destaca a un gaiteiro sobranceiro que foi quen de recoller o espírito que aniñaba nos lizgairos dedos de Avelino.

Pero tal como escribiu nun dos seus poemas: “Eu, máis alá de morrere/ rexurdirei tocando a gaitiña/ ¡na longa gaiola do vento/ co froleo da ialma miña!”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies