Redescubrimento dos Gaiteiros de Soutelo

Publicado en: Galicia-Hoxe.com – 20/01/2006

PORTA de PALLA
XOSÉ M. RIVAS TROITIÑO

O vivir nestes tempos de progreso tecnolóxico permítenos ouvir discos gravados polos grandes artistas que eran imposibles de conseguir e tamén de reproducir. E, ademais, suprímenlle ruídos e a audición pasa a ser realmente espectacular.

A recreación corresponde desta vez ó primeiro disco dos Gaiteiros de Soutelo, con mais de 60 anos, e coa lendaria Muiñeira de Chantada na gaita de Avelino Cachafeiro, o auténtico líder e alma do conxunto, o mellor gaiteiro de Galicia nos tempos do Rexurdimento galeguista.

Na recreación ten parte moi importante a firma Ouvirmos e o tamén gaiteiro Juanjo Fernández, autor dos textos que acompañan a primorosa edición. Juanjo amosa a súa dedicación á música galega coa web Agaitadofol.com. Nela resume tamén a obra dos Gaiteiros de Soutelo con novos datos que engadir á miña biografía de Avelino.

Porque eu tiven a fortuna de coñecer este gaiteiro lendario, o primeiro en percorrer América e, repito, o proclamado mellor gaiteiro de Galicia. Non lle oín tocar máis que na súa obra gravada, pero compartín con el xantares e sobremesas en Soutelo, parte da nosa Terra de Montes, e en Madrid onde el ía consultarse co seu afillado, o doutor Avelino Senra.

Animado por este, escribín no 1974 O Gaiteiro de Soutelo. Unha expresión da cultura popular, que foi publicado por Coca-Cola no 1977, en galego por suposto, e reeditado no 2000 pola Xunta e o Concello de Forcarei co gallo do nacemento de Avelino.

Ese mesmo Concello colabora agora nesta reedición do primeiro disco dos Gaiteiros, que será presentado o sábado no mosteiro de Acibeiro, o símbolo da Terra de Montes, agora restaurado polo impulso de Xosé Luis Barreiro Rivas, que preside a Asociación de Amigos do Mosteiro. Acibeiro foi un núcleo de frades que souberon trasmitir a toda a Comarca a importancia de ler, escribir, aprender e saber facer fronte ás situacións da vida. Coido que o mesmo Gaiteiro non sería tan enxebre na dedicación e traballo coa gaita nin na reconstrución da música popular nin nas outras actividades como empresario modesto e pintor e, sobre todo, poeta, se non tivera ese ADN de Acibeiro.

“Eu mais alá do morrer rexurdirei tocando a gaitiña”, escribiu nun poema co que me dedicou o seu libro Voando cas áas da vida.

Sinto non poder estar en Acibeiro reconstruído para escoitar esa música que gravou Avelino cos seus irmáns e que no seu tempo tocou tamén alí. Pero a sorte de vivir no XXI fará que á mesma hora poida escoitar o mesmo gaiteiro, grazas a Juanjo Fernández e a Ouvirmos, ó Concello de Forcarei e ó Consello da Cultura Galega.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies