Ouvirmos recolle en sons e imaxes as sete décadas de Manuel María

Publicado en: El Progreso – 22/01/06
AEP
JAUREGUIZAR | LUGO

Un libro e dous compactos recollen as gravacións do escritor que se conservan

A editora Ouvirmos vén de editar Fotobiografía Sonora de Manuel María, un volume que aproxima á figura literaria e humana do poeta da Terra Chá dende as perspectivas visual e auditiva.
Fotobiografía Sonora
Esta obra aglutina sete décadas da vida de Manuel María en máis dun cento de fotografías, acompañadas dun breve estudo do seu labor durante o mesmo período. Xan Fraga Rodríguez e Mónica Rodríguez Vázquez foron os encargados destes textos introdutorios.

A novidade desta obra está nos dous compactos que a acompañan. No primeiro deles, Poemas, podemos escoitar a voz do propio autor recitando os seus poemas.

Carlos Díaz Martínez, editor, responsable en gran medida da existencia das gravacións coa voz de Manuel María, é o encargado de comentalos.

Gravacións
Os editores sinalan que contaron con escasas gravacións coa voz do poeta. Citan o disco de cinco poemas, Manuel María, poemas ditos coa súa voz (Edigsa. Barcelona, 1968), a casete de tres libros de poemas Manuel María (Roi Xordo. Xenebra, 1974), a casete de dous contos Unha sombra vai polo camiño/Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos. (Edicións Xerais, 1991) e a casete con seis poemas Poetas nas súas voces(II) (Compostela. Santiago, 1992).

O segundo CD, Músicas, achéganos unha escolma das cancións compostas a partir de poemas de Manuel María: dende Fuxan Os Ventos ata Barbat, pasando por María Manuela ou Suso Vaamonde. O director de programación da Radio Galega e músico en Os Tres Trebóns, Xurxo Souto, é quen documenta e guía a escoita. O remate pono Camilo Gómez Torres, biógrafo e grande estudoso da obra de Manuel María, que facilita a súa exhaustiva relación de todos os rexistros sonoros que ten do escritor.

HOMENAXES
Este disco é un elo máis na cadea de homenaxes a Manuel María que comezaron no mes de novembro do ano pasado para desenvolvérense ao longo de seis meses nunha programación organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, AS-PG, CIGEnsino e MNL, e conta coa colaboración do Concello de Santiago, Deputación da Coruña e Consellería de Cultura da Xunta.

As actividades desenvolvidas foron espectáculos audiovisuais, teatrais, musicais, exposicións e homenaxes en diferentes cidades galegas.

Entre os actos realizados figuran unha actuación da Orquestra Filharmónica de Galicia e unha representación de A farsa de Bululú. Tamén se inclúe un espectáculo poético-teatral, un congreso sobre literatura e nación e a exhibición do documental.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies