A música dos Gaiteiros de Soutelo, recuperada nun disco de Ouvirmos

Publicado en: XornalGalicia.com – 13/12/05
SANTIAGO

O disco ‘Os Gaiteiros de Soutelo’ recupera a música do lendario grupo de Avelino Cachafeiro. A discográfica Ouvirmos, co patrocinio do Arquivo Sonoro de Galicia, compila por primeira vez os seus rexistros sonoros feitos en Ourense en 1928. O disco forma parte da colección de gravacións históricas da música tradicional galega “A Tiracolo”.

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación do disco “Os Gaiteiros de Soutelo”, da discográfica Ouvirmos. Esta lendaria agrupación (1919-1936), liderada por Avelino Cachafeiro, considérase o máximo expoñente do tradicional cuarteto de gaitas e constitúen un referente estético e musical para as xeración de gaiteiros posteriores. O disco, que conta co patrocinio do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, compila por primeira vez a totalidade dos seus rexistros sonoros realizados en Ourense en 1928, entre os que se atopa a primeira gravación da popular “Muiñeira de Chantada”.Durante a presentación do disco, o director artístico de Ouvirmos, Ramón Pinheiro, destacou que esta agrupación constitúe “un dos referentes fundamentais da música tradicional galega, un mito na nosa cultura” no que sobresaen as súas innovacións estéticas, instrumentais e de repertorio, cun vínculo especial co galeguismo da época. Por elo, salienta Luís Costa, membro da Comisión Técnica de Música Tradicional do Arquivo Sonoro de Galicia (CCG), “o valor desta iniciativa, que vén a enriquecer a nosa memoria histórica e recuperar uns documentos de gran valor para a música galega”.

UNHA LENDA MÍTICA
Avelino Cachafeiro Bugallo (gaita), chamado Gaiteiro de Soutelo, os seus irmáns Bautista (tambor e voz) e Víctor Castor (gaita) e Fermín Cachafeiro Balado (bombo) nacen en Soutelo de Montes nun contorno musical familiar. A agrupación nace formalmente nunha data imprecisa de 1.919 pois segundo cita Avelino na súa autobiografía, despois de dous anos traballando de ferreiro en Asturias, regresa a Soutelo e funda Os Gaiteiros de Soutelo de Montes Hnos. Cachafeiro.

Nos inicios teñen unha soa gaita pero pouco despois adoptan o dúo de gaitas definitivamente, o que tivo unha enorme transcendencia. Ao redor da tonalidade de DO, as gaitas dos Soutelo causaron moita impresión pola afinación entre os graos, imprescindíbel para realizar ben os dúos. A popularización do modo menor por medio de tranquillas deixou obsoletas as controvertidas chaves, demostrando que non eran necesarias para ese fin, algo atribuíble en exclusiva ao Gaiteiro de Soutelo. A voz, cun papel importante de conexión popular recreaba un clima musical semellante ao do coro de Feijoo. Formando parte do produto músico-escenográfico e arremedando tamén ao coro pontevedrés, contaban con espectáculo de baile. En festas populares o propio Fermín baixaba do palco, cando era o caso, para bailar con algunha moza e en lugares máis formais levaban unha parella de baile. En pouco tempo, apoiados na calidade e amenidade das súas actuacións, ocupan un lugar importante e a súa presenza fíxose constante en innumerables festas populares de toda Galicia.

Na véspera do día do Apóstolo de 1.924 celébrase un concurso en Santiago de Compostela. Castor gaña o terceiro premio e Avelino o primeiro, acadando engaiolar aos presentes, entre os que están Castelao, Risco e Otero Pedrayo. O acto acada unha gran relevancia por esta razón e todos sinalan a Avelino como mellor gaiteiro de Galicia. O propio Castelao, ademais de realizar dous famosos debuxos, escribe un artigo para Vida Gallega no que describe o triunfalismo co que chegan os gaiteiros a Soutelo de Montes e transcribe a cantiga que di escoitar esa mesma noite en boca das mozas do lugar:

«Toca, gaiteiriño, toca
meniñas correi a velo
que é moita gaita a gaitiña
do Gaiteiro de Soutelo»

Este premio dálles un prestixio aínda maior elevando moito o caché e así no ano 1.928 gravan en Ourense as doce pezas, posiblemente para recadar cartos para poder ir a América, que agora se reeditan. Nas sesións de gravación coinciden coa Banda Batallón Mérida de Ourense, coa coral De Ruada e cos gaiteiros desta, Faustino Santalices e Modesto Sánchez. É o feito máis importante da súa carreira, o que lles dá a maior proxección nacional e internacional e o que os vincula definitivamente ao movemento cultural galego. Vendéronse moitísimas copias da primeira edición, así como das posteriores que aínda se conservan en moitas casas, da man das familias que as mercaron ou de coleccionistas particulares.

A edición desta obra enmárcase dentro da colección de gravacións históricas de Ourvirmos “A Tiracolo”, colección formada pola restauración sonora de grandes obras da música galega e presentadas en formato CD-libro. O disco dos Gaiteiros de Soutelo vén a completar unha colección na que están presentes Aires da Terra, Os Dezas de Moneixas, a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, Manuel Dopazo, Coro Toxos e Frores, Manuel Quiroga e Marta Leman e Los Monfortinos. Segundo adiantou o director artístico de Ouvirmos, a colección podería chegar ata os 50 títulos para completar o labor de inventariar os rexistros fonográficos históricos da música galega.

O disco conta co patrocinio, ademais do CCG, do IGAEM, o Concello de Forcarei e a Deputación de Pontevedra, e a colaboración do Museo de Pontevedra e a Radio Galega.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies