«Foron os inventores do dúo»

Publicado en: La Voz de Galicia – 20/12/05

ENTREVISTA A JUANJO FERNÁNDEZ
ROCÍO GARCÍA | A ESTRADA

Juanjo Fernández é un músico madrileño que chegou a Galicia na busca das raíces da gaita e ficou engaiolado polo folclore galego. É coñecido polos seus traballos sobre a dixitación pechada, polo seu labor docente, polos seus estudos sobre o pandeiro, a pandeira e a pandeireta e como gaiteiro solista. Ós Gaiteiros de Soutelo coñeceunos nada máis empezar a tocar a gaita. «Son un símbolo no panorama tradicional», comenta.
-¿Cal foi a aportación do grupo ó folclore galego? Juanjo Fernández
-Ademáis dunha enorme calidade de interpretación, aportaron unha difusión tremenda da música de gaita e foron os inventores do dúo de gaitas. Aínda que tiña habido algúns dúos de gaita e clarinete, a gaita sempre tivera ata entón un papel solista. A fama de Os gaiteiros de Soutelo impuxo un camiño de non retorno cara o dúo de gaitas. Desde entón só quedaron solistas nas pequenas aldeas. O pai e os tres irmáns foron os difusores do cuarteto. O gaiteiro máis coñecido da banda foi Avelino Cachafeiro. Con el tocaba o seu irmán Castor Cachafeiro. Outro irmán, Bautista, tocaba o tambor e o pai, Fermín Cachafeiro, tocaba o bombo. Ás veces actuaba con eles algún músico máis e en ocasións os músicos saían á escea acompañados tamén por unha parella de baile. O grupo tivo unha proxección enorme, tanta incluso chegaron a ir de xira por América.
-¿Qué podemos atopar no disco recopilatorio que acaba de editar Ouvirmos?
-O disco recolle tódalas gravacións conservadas do grupo, entre elas a primeira da Muiñeira de Chantada que, se non houbese outro, ése tería que ser o Himno galego . É un símbolo que non falta nunca en ningunha reunión gaiteira. É un tema virtuosista que é difícil tocar tan ben, con esa calidade e esa afinación que acadaron eles. A Muiñeira de Chantada daquela primeira gravación cautivou tanto, polo ben tocada que estaba, que de aí en diante todos quixeron tocala, pero aínda hoxe é difícil acadar a calidade técnica que acadaron Os gaiteiros de Soutelo. É unha peza emblemática.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para garantir a mellor experiencia de usuario. Ao navegar está dando o seu consentimento para aceitar os mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique a ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies